
O Concello de Nigrán ten xa engalanados con máis de 200 plantas os seus dous cemiterios municipais, o de Parada e Nigrán, de cara á festividade de Todos os Santos. En San Fiz (Nigrán), que acolle as súas primeiras visitas teatralizadas este luns 31, decorouse con crisantemos de cores e brezo e o de Parada foi adobiado con alegrías, azaleas, crisantemos e estrelas exipcias.
“Queremos manter os dous cemiterios en perfecto estado durante todo o ano e así o estamos a facer, pero de cara á festividade de Defuntos, que é cando máis visitas reciben, é tamén importante que o Concello estea á altura e os engalane”, argumenta o alcalde, Juan González, quen sinala a construción de novos nichos en ambos camposantos e a regularización de todos os cemiterios do municipio como un dos mellores exemplos da preocupación do goberno local por estas instalacións.
Este ano, por vez primeira, o grupo local Teatro do Ar organiza unha visita teatralizada ao de San Fiz coas prazas xa esgotadas. “O obxectivo é poñer en valor este camposanto e que a veciñanza coñeza a nosa Historia a través dos nosos mortos, polo que o ano próximo nos gustaría poder ofrecer a visita tamén en Parada”, resume o rexedor.