Os usuarios do Juan María poderán poñerse desde hoxe en forma nun novo ximnasio

O Centro Juan María inaugurou este mediodía o seu novo ximnasio, instalación construída grazas a unha achega do Concello de Nigrán de 40.000 €. O goberno local outorgou esta subvención directa despois de que o colexio de educación especial realizase un crowfunding para recadar 52.000 € entre particulares e empresas. Anteriormente, no ano 2020, o centro recibiu unha achega da Xunta de 18.000 € para adquirir a maquinaria deportiva que, a falta deste espazo, estaba distribuída por diferentes salas do seu complexo educativo. O novo ximnasio, situado no propio recinto do centro en Parada nun antigo almacén, ten unha superficie de 100 metros cadrados e servirá de lugar de adestramento aos 105 alumnos e usuarios da “Asociación La Esperanza del Valle Miñor” (Centro Juan María).

“Como creo que resulta evidente, este goberno é sensible a este tipo de demandas que comprenden a saúde das persoas que máis difícil o teñen. Cando nos transmitiron esta petición non dubidamos en colaborar ao máximo”, explica o alcalde, Juan González. Desde a “Asociación La Esperanza del Valle Miñor” inciden no importante que resulta o exercicio físico para mellorar a calidade de vida dos seus usuarios, polo que consideran este ximnasio unha mellora fundamental no servizo educativo e ocupacional do centro.

Ao acto de inauguración, ademais de contar coa presenza de varias persoas e representantes de empresas que colaboraron, asistiron Marta Fernández-Tapias, Delegada da Xunta de Galicia, Fernando González Abeijón, Director Xeral de Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social, Juan González Pérez, Alcalde de Nigrán, Paco Ferreira, Alcalde de Gondomar, Óscar Martínez Álvarez, Tenente Alcalde de Baiona, Bibiana Peixoto, Concelleira de Servizos Sociais de Nigrán, e Concepción Vara Rodríguez, Concelleira de Servizos Sociais de Baiona.

O Concello de Nigrán colabora activamente co proxecto educativo e laboral do CEE Juan María de Parada, así, cedeu no 2017 unha casa para o seu programa de respiro familiar (en Balinfra, Camos) ou o centro ocupacional ocúpase do mantemento de Porto do Molle e os dous cemiterios municipais por un importe de 30.000 €, a maiores, recibe unha subvención anual de 5.000 € para o proxecto que o centro elixa ou financia actividades e programas como o de terapia canina a cargo dunha empresa especializada.