
Sobre as 20:30 horas do pasado domingo, a Central Operativa da Garda Civil de Pontevedra, recibiu múltiples avisos alertando da presenza dun ciclista transitando pola autovía A-55 sentido Portugal, advertindo do perigo da situación como consecuencia da choiva e da falta de visibilidade neses momentos na vía. A Central Operativa de Servizos da Agrupación de Tráfico (COTA) envía ao lugar dos feitos a unha patrulla do Destacamento de Tráfico da Garda Civil do Porriño, que localiza ao ciclista á altura do quilómetro 23 da citada vía.
A patrulla indícalle que ten que abandonar a vía pola que circula, e procede a acompañarlle e darlle escolta para a súa protección, ata un lugar seguro, tendo en conta o horario nocturno, as condicións adversas climatolóxicas e o perigo que supón, para a súa propia seguridade, como a dos demais usuarios da vía. Unha vez identificado resulta ser un peregrino italiano de 36 anos de idade, que se dirixe desde Santiago de Compostela ata Lisboa, e relata que se desorientara na zona do Polígono Industrial do Porriño, pola intensa choiva, a falta de visibilidade e a insuficiente sinalización.
Unha vez máis, a colaboración cidadá e a rápida actuación dos axentes puido evitar un, máis que probable, tráxico desenlace. A utilización de autoestradas por ciclistas está prohibida pola Lei de Seguridade viaria e a súa normativa de desenvolvemento. O uso de autovías non está expresamente prohibida, salvo que se indique mediante sinalización ao comezo da vía, como neste caso. A Garda Civil lembra a obrigación de utilizar durante a noite, con néboa ou choiva intensa ou outras circunstancias que diminúan sensiblemente a visibilidade, unha luz branca diante e reflectores vermellos na parte traseira da bicicleta, ademais de casco e pezas reflectoras.