Alexis Viéitez e o gondomareño Ezequiel Salgueiro póñense á fronte do Volante FGA

A penúltima cita da tempada, o Rallye San Froilán, ía deparar moitas emocións, coa balanza do título en principio inclinada para Álvaro Castro e Isidro Rey, que con dúas segundas posicións na proba lucense e en Ribeira valeríalles para ser campións.

Desde un inicio, o líder Álvaro Castro impuxo un ritmo realmente forte, imposible de seguir para o seu rival Alexis Viéitez, quen practicamente estaba obrigado a gañar para manter a chama das súas esperanzas polo título. Chegados ao ecuador da proba 23 segundos separábanlles e tras o primeiro tramo da tarde a distancia aumentaba ata os 28. Pero ía ser na primeira pasada por Guntín onde se marcaría a clave da tempada: un erro de Álvaro Castro nun cruzamento facía envorcar o seu Citroën Saxo, sen posibilidade de continuar.

Alexis Viéitez e Ezequiel Salgueiro atopáronse co liderado, que sumado ao abandono do seu gran rival volteaba completamente a situación ao seu favor. Completaron o rallye sen erros para poñerse novamente á fronte do Volante FGA, e practicamente só un abandono na última proba da tempada no Rallye de Ribeira (unido a unha vitoria do seu rival) podería apearlles do título.

A segunda praza foi a parar a mans de Brais García, que no seu regreso ao certame realizou unha gran actuación, batallando contra os problemas mecánicos do seu Citroën Saxo que puxeron en risco a súa continuidade na proba. Finalmente, avantaxaba a Roberto Suárez en pouco máis de 3 segundos tras ceder 9 na última especial.

Fóra do podio terminaban Daniel Anido e Adrián Núñez, quen ocupaba a terceira praza da xeral nos primeiros compases da proba, pero unha saída de estrada na segunda pasada por “Bonxe” facíalles perder case dous minutos, véndose avocados á cuarta posición final. A clasificación completábase con Manuel Magariños pechando o top 5, Diego Pérez e Adrián Garrido.