Baiona leva ás parroquias o programa de prevención do deterioro cognitivo “Cultiva a Mente”

O Concello de Baiona leva ás parroquias do municipio o programa de prevención do deterioro cognitivo “Cultiva a Mente”. A actividade está dirixida a persoas maiores de 55 anos sen deterioro cognitivo, interesadas na prevención do deterioro cognitivo e o coñecemento do envellecemento activo. O obxectivo é o fomento de hábitos saudables dende un enfoque activo e positivo en áreas cognitivas, emocionais, funcionais e sociais como precursor dun axeitado mantemento de vida independente nas persoas adultas maiores participantes. A metodoloxía é activa e dinámica, sempre cunha explicación e capacitación da funcionalidade e obxectivo de cada serie de exercicios e propostas.

O itinerario das sesións inclúe acollida; información e formación teórica sobre hábitos e capacidades; desenvolvemento de actividades e exercicios de base cognitiva; desenvolvemento de actividades e exercicios de base funcional e motriz; desenvolvemento de actividades emocionais e sociais; e peche: planificación da próxima sesión e proposta de actividades a domicilio. As sesións desenvolveranse entre outubro de 2022 e xuño de 2023, realizaranse unha vez por semana e teñen unha duración de unha hora e media, serán impartidas polo equipo técnico de AFAGA.

A actividade de “Cultiva a Mente” está próxima a comezar nas parroquias, tras o éxito do desenvolvemento da actividade en Baiona no edificio Multiusos Ángel Bedriñana. Nas parroquias se levará a cabo no Centro Cultural de Baredo os xoves de 18:30 a 20:00 horas, no Centro Cultural de Belesar os xoves de 11:00 a 12:30 horas, no Multiusos de Sabarís os martes de 11:00 a 12:30 horas, e no Centro Cultural de Baíña os martes de 18:30 a 20:00 horas. É requisito necesario estar empadroado no Concello de Baiona.

As persoas interesadas en participar poderán recoller os impresos da súa solicitude no Departamento de Servizos Sociais do Concello de Baiona, de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas. Na folla de inscrición se recollen os seguintes datos: nome e apelidos, enderezo, DNI, data de nacemento, teléfono de contacto. Deberán rexistrar dita solicitude por rexistro de entrada do Concello de Baiona, no horario de atención ao público, de 9:00 a 14:00 horas. Máis información chamando ao teléfono 986 38 59 26.