Seis equipos mediranse en Baiona na final polo título nacional de cruceiros

O título de campión de España de cruceiros de 2022 converteuse nun auténtico reto para os equipos que están a competir esta fin de semana no Monte Real Club de Yates de Baiona. Mañá domingo, xornada decisiva do Campionato de España de Cruceiros – Trofeo Loterías e Apostas do Estado, seis dos 18 equipos participantes xogaranllo todo nunha serie dun máximo de tres mangas ás que se enfrontan coa marcadora a cero.

Team Tac (Valencia), Butxaca (Canarias), Impredigital (Cantabria), Bullbox (Principado de Asturias), Lanzarote Paradise (Canarias) e Alba III (Baleares) son os equipos que mañá estarán nesta serie final na que o podio quedará definido segundo os resultados do día, sen ter en conta a marcadora de hoxe. Pola súa banda, os equipos dos grupos dous e tres competirán unha última manga para pechar a clasificación final xeral da competición.

Esta regata ten como peculiaridade que as tripulacións, que normalmente navegan nos seus propios barcos e polo xeral en tempo compensado, están a navegar en unidades idénticas e en tempo real. Ademais, como aliciente engadido está a arbitraxe e xuízo directo que se aplica nesta proba.

David de María e Güiso Jordán son os encargados por velar do correcto cumprimento da normativa de regatas no mar e fano seguindo as regatas moi de preto. “Con este formato non hai protestas en terra, só excepcións de gravidade”, explica David de María. O xuíz de regata asegura que “así as probas son máis dinámicas e xeran menos tensión nos competidores porque unha vez terminada a xornada deportiva non hai audiencias nin protestas nin xuízos”.

En canto ao formato de competición e á aposta de facer que os equipos cambien o seu barco por un monotipo, de María teno claro: “Para os participantes é unha gran oportunidade para coñecer e medirse con outros barcos; paréceme un formato moi apropiado para terminar a tempada”.

O Campionato de España de Cruceiros – Trofeo Loterías e Apostas do Estado está a disputarse no Monte Real Club de Yates de Baiona coa participación de máis de 100 regatistas de 18 equipos que representan a un total de 12 federacións autonómicas. Estes equipos conseguiron o pase á final polo título nacional grazas aos resultados obtidos nas probas disputadas na súa comunidade.