Nigrán dedica outubro á celebración do “Mes da Memoria Histórica”

O Concello de Nigrán, como cada ano desde 2015, celebrará durante todo outubro o “Mes da Memoria Histórica” como recordo do tráxico suceso da “Volta dos Nove” na comarca (15 de outubro de 1936). A programación, como vén sendo habitual, concentrará neste mes diferentes actos culturais que van desde a proxección de longametraxes ou documentais, a presentación de novos libros de investigación ou senllas homenaxes polo aniversario da propia “Volta dos Nove” e os 70 anos da publicación de “Longa noite de pedra”. Todo é no Auditorio Municipal con entrada de balde ata completarse o aforo.

“Coma sempre, trátase dunha programación cun fin divulgativo e educativo e está dirixida a manter viva a nosa memoria. Para que non se repita o peor da nosa Historia debemos coñecer episodios vergoñentos do noso pasado recente vinculados coa Guerra Civil e a represión franquista”, considera o alcalde de Nigrán, Juan González, quen precisamente como historiador recolleu moitos destes episodios no seu libro “Nigrán. Memoria dunha Guerra 1936-1939”.

A longametraxe “La trinchera infinita”, a través do cineclub Val Miñor Alice Guy, abrirá a programación este domingo 9 de outubro ás 19:00 horas no Auditorio Municipal. O filme de Jon Garaño, Aitor Arregi e José Mari Goenaga protagonizado por Antonio de la Torre e Belén Cuesta retrata a vida dun home escondido na súa propia casa durante 30 anos por medo á represión franquista (desgraciadamente estes casos non foron anecdóticos en España e os seus protagonistas foron coñecidos como “topos”). O cine regresa o domingo 16 de outubro á mesma hora e lugar con “Mientras dure la guerra”, película de Alejandro Amenábar que retrata a postura do célebre escritor Miguel de Unamuno (protagonizado por Karra Elejalde) que pasa de apoiar publicamente a rebelión militar do 36 a cuestionala e rexeitala ante a deriva sanguenta da mesma.

Unha parte importante da programación consiste na presentación de novos libros de investigación que abordan a represión e a sublevación na provincia, polo que estarán presentes os seus autores e se establecerá un coloquio posterior. Así, a través do Instituto de Estudos Miñoráns, o mércores 12 ás 19:00 horas será a quenda de “Alejandro Viana, un galego á fronte do rescate de refuxiados republicanos”, de Roberto Mera. O domingo 23 ás 19:00 José Antonio Uris e Víctor Manuel Santidrián presentan “A porta do inferno. O campo de concentración de Camposancos” que se acompañará da proxección do documental de Antonio Caeiro “Aillados. A memoria dos presos de 1936 na illa de San Simón”. A programación a pechará o mércores 26 ás 20:00 horas “Os anos do silencio. Represión e resistencia na provincia de Pontevedra (1936-1951)” de Xosé Álvarez Castro, tamén en colaboración co IEM. Paralelamente, o Concello ofrecerá no IES Val Miñor e IES Proval unha charla de Carlos Méixome sobre o seu libro “Catas na Memoria”, agasallando a ambos centros con diversos exemplares.

Un dos actos estrela será a proxección o xoves 20 de “La cárcel de curas”, documental vasco de 2021 de Oier Aranzabal, Ritxi Lizartza e David Pallarés que narra a historia da viaxe real ao que foron sometidos 53 relixiosos de Madrid, Galicia, Cataluña e País Vasco no seu traslado forzoso ao devandito penal de Zamora, que foi o único cárcere de curas do mundo. Á proxección acudirán os seus directores e algún dos relixiosos represaliados co fin de establecer un coloquio posterior.

Igualmente, o Concello colaborará con Lucenza-Ateneo para ofrecer o venres 14 de outubro no Auditorio Municipal un acto en homenaxe ao 70 aniversario da publicación de “Longa noite de pedra” de Celso Emilio Ferreiro, libro clave para comprender a literatura galega contemporánea. Este título e o conxunto da obra fan referencia á prisión padecida polo autor no Mosteiro de Celanova no 1937, porén, alén da dimensión anecdótica ou persoal, esta longa noite de pedra tense identificado repetidamente coa longa ditadura franquista.

O 15 de outubro, como cada ano, o Concello participará nos actos en homenaxe aos asasinados na “Volta dos Nove” en Baiona e celebrará o seu particular ás 12:00 horas no Xardín da Memoria (ao carón do Pavillón de Panxón). O suceso tivo lugar o 15 de outubro de 1936, cando se executaron a nove veciños do Val Miñor (cinco deles de Panxón) como vinganza e represión dos falanxistas polo suceso do día anterior en Sabarís, cando no asalto das forzas nacionais á casa dos irmáns republicanos “Os Ineses” morreron estes, a súa asistenta Dolores Samuelle e tamén un dos falanxistas. Horas despois os partidarios do golpe de estado colleron a nove veciños de todo o Val Miñor detidos na prisión do Frontón, en Vigo, e como vinganza, os fusilaron na curva de A Bombardeira, en Baiona. Durante máis de 40 anos nove cruces apareceron pintadas nese punto como recordo dos falecidos e, aínda que as borraban e buscaron con esmero aos autores, estas sempre volveron a ser debuxadas. Hoxe o lugar é un espazo para a memoria e as cruces se manteñen, agora impresas, como recordo de todo aquilo que sucedeu.