Posta de longo do 55º Rallye Recalvi Rías Baixas

A Praza do Rei de Vigo acolleu este luns a presentación oficial do 55º Rallye Recalvi Rías Baixas, un acto no que estiveron presentes o alcalde vigués, Abel Caballero, o concelleiro de deportes Manel Fernández, Vicente Medina (vicepresidente da Real Federación Española de Automobilismo), o máximo responsable do Grupo Recalvi, Chema Rodríguez, Fernando Mouriño (presidente da Escudería Rías Baixas) así como o histórico Beny Fernández e os pilotos locais Alex Pais e Jorge Pérez. Precisamente os vehículos destes dous equipos flanquearon a foto oficial desta posta de longo do rallye.

O primeiro en tomar a palabra foi Fernando Mouriño, para agradecer o apoio recibido por parte das empresas e institucións (Concello Vigo, Secretaría Xeral para o deporte, Deputación de Pontevedra e o resto de concellos por onde pasa a proba) “porque sen a súa achega económica sería difícil sacar adiante o Rallye”.

Posteriormente, o presidente da Escuadra pasou a detallar o programa do “Rías” facendo especial fincapé naqueles actos que teñen por obxectivo achegar o rallye á cidade, como a celebración da cerimonia de saída e a entrega de trofeos na céntrica rúa Policarpo Sanz. “A cerimonia de saída celebrarase o xoves ás 20.30 horas. Pero desde unha hora e media antes comezarán a chegar os vehículos ao parque pechado e os pilotos estarán por alí para asinar autógrafos ou fotografarse co que o desexe”.

Xa o venres pola mañá, na estrada de O Zondal, no Monte Alba, celebrarase o shakedown e o tramo cronometrado de clasificación (de pouco máis de catro quilómetros), onde se decidirá a orde de saída dos dez primeiros na lista de inscritos. “Será unha ocasión inmellorable para ver en acción aos coches de competición, gozando ademais dunhas espectaculares vistas da Ría e a cidade de Vigo”, asegurou Fernando Mouriño.

Nese sentido, o presidente do Comité organizador non deixou escapar a oportunidade de convidar o alcalde Abel Caballero a presenciar ese tramo e mesmo a percorrelo subido nun coche de carreiras. Unha invitación que non deixará escapar o rexedor vigués. “Si me vou a subir. Non vou pilotar pero si vou facer unha parte de percorrido como copiloto nun destes vehículos”, prometeu Abel Caballero. Na súa intervención, o alcalde de Vigo tivo palabras de eloxio cara ao comité organizador “porque é difícil sacar adiante un rallye deste nivel e calidade” e tamén de agradecemento á cooperación privada, “de forma especial para o Grupo Recalvi”. Ademais, congratulouse de que “o núcleo do rallye sexa a cidade de Vigo” e prometeu “seguir ofrecendo a total cooperación do concello vigués á proba”.

Caballero tampouco deixou escapar a oportunidade de facer un chamamento á afección para que goce do rallye con seguridade, “por iso pido aos espectadores que sigan as recomendacións dos comisarios deportivos e sitúese nas zonas habilitadas para non correr riscos”.

Pola súa banda, o vicepresidente da Federación Española de Automobilismo mostrouse “encantado co apoio que ten o rallye por parte da cidade, o sector empresarial, o público e os equipos”. Lembrou que o Rías foi considerado, en varias ocasións, como o mellor rallye do Campionato de España e que “cumpre varios puntos da regulamentación para poder volver á máxima categoría”, asegurou.

E é que, con anterioridade á intervención de José Vicente Medina, o presidente da Escudería Rías Baixas manifestoulle o seu desexo de que o Rías poida formar parte a próxima tempada do Supercampionato de España. “Sería moi bonito dar ese salto e estar no novo SCER porque en 2023 celebraremos os 60 anos do primeiro “Rías” e o 50 aniversario da fundación da Escudería”.

Un desexo ao que se sumou tamén o alcalde de Vigo, Abel Caballero. “Quero dicirlle á Federación Española que conte connosco. Queremos que o rallye volva ser o máis importante de España e se mo permites, o máis importante de Europa. Porque en Vigo -sentenciou- xa estamos a outro nivel”.

O 55 Rallye Recalvi Rías Baixas celebrarase os días 29 e 30 de setembro e 1 de outubro.