Máis de 1.000 quilos de residuos retirados do río en Gondomar

Máis de 30 voluntarios participaron este pasado domingo na XV Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” que en colaboración con ADEGA se levou a cabo nos ríos de Gondomar e de outros 40 Concellos de Galicia. Foron retirados máis de 1.000 quilos de residuos de cristais, plásticos, diferentes envases, restos de obra, e pneumáticos entre outros.

O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.

Dende o Concello de Gondomar o alcalde quixo “dar as grazas a cantos participaron nesta xornada de limpeza que ademais pretende servir para concienciar da importancia do coidado do medio ambiente e dos nosos ríos, que son sen dúbida un dos nosos máis valiosos patrimonios”.