Gondomar súmase un ano máis á Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos”

Desde o ano 2012, voluntarios de Proxecto Ríos de Gondomar participan na Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos”, que este ano celebrarase o domingo día 25 (como é tradición o último domingo de setembro), en 40 concellos de toda Galicia. Participan moitas entidades de diferentes ámbitos (asociacións, colectivos ecoloxistas, delegacións de ADEGA, ANPAS…) e tamén concellos que organizan directamente esta actividade. O punto de encontro será ás 10:00 da mañá no antigo matadoiro de Gondomar, onde se xuntan as augas do Zamáns co das Rasas, Matalagartos, Toiteiras, Pequeno, etc. e forman o Miñor. Os interesados en participar poden inscribirse no teléfono 627276816.

Desde o Concello de Gondomar tamén volven sumarse a esta actividade, que cumpre a súa XV edición, a través da Concellería de Medio Ambiente. Ao longo destes anos centos de voluntarios retiraron toneladas de lixo de diferente procedencia, nomeadamente nos treitos finais do Zamáns e Morgadáns e no comezo do Miñor. Neste caso o punto de encontro será a Ponte de Ánimas ás 10:00 horas, e a inscrición previa no teléfono 678874979 ou no correo medioambiente@concellodegondomar.gal.

O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación. Os organizadores fan un chamado ao pobo en xeral de Gondomar e á rapazada e adolescentes en particular, para que se acheguen e participen desta festa da limpeza e o coidado dos nosos cursos fluviais.