
O Concello de Baiona, a través da Concellería de Medio Ambiente, dirixida por Rosa María Domínguez Roda, informa dos traballos de limpeza que se están levando a cabo nos ríos do municipio desde hai un mes de forma gradual por parte de operarios municipais do departamento.
Desde a Concellería de Medio Ambiente e coa previa autorización de Augas de Galicia, o Concello de Baiona comezou hai unhas semanas a realización da limpeza dos ríos do municipio. Os traballadores municipais do departamento están a levar a cabo tarefas de limpeza dos cursos fluviais sempre tendo en conta a flora e fauna a protexer medio ambientalmente. Os traballos empezáronse polo río Groba na parroquia de Santa Cristina da Ramallosa e estanse levando a cabo de forma progresiva. Estes traballos tamén se realizaron no río Gillade en Sabarís, e no río Baíña. Nos próximos días empezarase en Baredo.
“A actuación cubrirá máis de seis quilómetros de leitos na nosa vila e con elas veranse melloradas as condicións de desaugadoiro dos ríos. Están a levarse a cabo traballos de retirada das árbores caídas, roza selectiva de masas de matogueira e herbáceas, podas e rareos”, apuntou o Alcalde, Carlos Gómez Prado.