Interceptado en patinete eléctrico por unha vía interurbana positivo en alcoholemia e drogas

O pasado mércores, unha patrulla do Destacamento de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra á altura do km. 2 da estrada PO-223, vía interurbana, termo de Pontevedra, observa a un individuo cun patinete eléctrico, circulando pola beiravía, pero en sentido contrario ao estipulado e sen facer uso do casco de protección.

Tras ser identificado, resulta ser un veciño de Pontevedra, de 38 anos, o cal mostra síntomas evidentes de estar baixo a influencia de bebidas alcohólicas. Realízaselle a proba e dá positivo cunha taxa de 0,70 mg/l en aire expirado, e positivo tamén na proba indiciaria de drogas, pendente de confirmación por laboratorio, denunciándolle administrativamente por estes feitos.

Desde o Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra lémbrase que este tipo de vehículos, considerados de mobilidade propia, non poden circular polas vías obxecto de regulación, é dicir: por vías interurbanas, travesías, autoestradas e autovías que transcorran por poboacións, así como tampouco por túneles urbanos, beirarrúas e zonas peonís (salvo se está regulado polos Concellos e sempre a paso de persoa), e aos seus condutores denunciaráselles cunha sanción de 500 € , así como inmobilización e depósito do mesmo. Teñen que cumprir as normas de circulación como o resto de vehículos, polo que os condutores poderán ser sometidos á proba de alcol e drogas e non poden facer uso de auriculares nin teléfono móbil.