Gondomar inicia a próxima semana a reforma integral do CDL

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Centro de Desenvolvemento Local de Gondomar.

O Concello de Gondomar segue avanzando e traballando a prol dunha administración eficiente dende o punto de vista enerxético. Neste caso presentando o proxecto de rehabilitación interior do CDL ao amparo da convocatoria de axudas para a rehabilitación de edificios de titularidade pública no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, proxecto no que se mellora un 30% dende o punto de vista enerxético o edificio xunto cunha remodelación interior que permita un uso eficiente do mesmo.

Este proxecto foi posible presentalo grazas á convocatoria de axudas publicada pola Deputación de Pontevedra dirixida a entidades locais de menos de 50.000 habitantes para o financiamento dos gastos derivados da presentación de candidaturas ao abeiro do Pirep Local, acadando o Concello unha subvención de 11.797,50 €.

A liña de subvención solicitada, de sete concedida, implicaría a reforma integral do edificio do antigo colexio Enríquez Rodríguez Márquez, por un importe de ata tres millóns de euros, rematando así na súa totalidade a recuperación do mesmo, cando rematen as obras de eficiencia enerxética a través de fondos do IDAE, xa adxudicadas, e que comezarán a próxima semana, por case 1,5 millóns de euros.