Inscricións abertas para participar no cuarto rastro familiar “MercadiYO” en Sabarís

O domingo 18 de setembro, na Avda. Julián Valverde, en Sabarís, celebrarase a cuarta edición do rastro familiar “MercadiYO”, festa da reciclaxe. Un bonito evento que ten por slogan “o que a ti che sobra, outros o necesitan”, no que os participantes expoñerán nos seus postos todo aquilo que se adoita gardar no rocho. Esta actividade está dirixida a particulares, familias que desexan facer limpeza e desfacerse de todo aquilo que xa non usan e que, probablemente, nin lembraban que o tiñan gardado nalgún recuncho.

Todo aquel interesado en participar, debe poñerse en contacto coa Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor, OVALMI, antes do día 13 de setembro, no teléfono 986 36 67 30 ou a través do correo administracion@ovalmi.com. Para a celebración desta cuarta edición contan coa colaboración do Concello de Baiona, que acolleu con gran entusiasmo o evento organizado pola Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (OVALMI) e a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sabarís (COEMSA).

Desde as 11:00 ata as 21:00 horas os participantes instalaranse e venderán os seus “tesouros escondidos” ao longo da Avda. Julián Valverde. Entre o que se poderá descubrir o domingo, 18 de setembro, están pezas de roupa, accesorios, aveños domésticos, obxectos persoais, xoguetes … que se teñen por casa e xa non se utilizan, pero poden ter unha segunda vida en mans doutra persoa.

OVALMI convida a non perderse este evento, onde se poderá gozar dunha bonita xornada de ambiente familiar e educativo na que os máis pequenos e os mozos poderanse concienciar da prolongación da vida útil das cousas, unha práctica que nun tempo pasado era bastante común e que cada vez está máis en desuso.