A Xunta agarda que Nasas Nigrán contribúa ao crecemento de Porto do Molle e da actividade comercial da contorna

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá en Nigrán as obras do futuro centro comercial Nasas Nigrán e asegurou que agarda que contribúa ao crecemento do polígono empresarial Porto do Molle e da actividade comercial da contorna. Tal e como explicou, xa hai 19 establecementos confirmados e a previsión, segundo a empresa, é que, cun investimento de 55M€, xere ata 500 empregos directos e indirectos.

O vicepresidente económico destacou o dobre impacto deste proxecto, tanto na expansión e crecemento do parque empresarial como na actividade comercial de toda a área ao ser, tamén, un reclamo turístico. Conde, que defendeu a necesidade de traballar desde o equilibrio, promovendo a coexistencia das grandes superficies co comercio de proximidade, informou de que nos dous últimos anos se outorgaron seis licenzas para a construción de novos centros comerciais.

O Goberno galego destina este ano 25M€ para colaborar co comercio de proximidade en diferentes ordes de axuda para a modernización do sector, dos que 2,25M€ se destinan a centros comerciais abertos.