
A Garda Civil detivo a dous cidadáns de nacionalidade albanesa como presuntos responsables dunha das maiores plantacións de marihuana localizadas durante os últimos anos en Galicia, que se atopaba emprazada en terreos do monte comunal situado na parroquia de Pedre do municipio de Cerdedo-Cotobade. A operación, levada a cabo polo Equipo de Investigación da Compañía da Garda Civil de Pontevedra, xunto co Posto de Cerdedo, iniciouse ao ter noticia das sospeitas que infundían estas persoas pola súa presenza supostamente inxustificada nos montes desta localidade.
A colaboración cidadá foi fundamental para localizar a plantación, de tal maneira que cando chegou o Equipo de Investigación a inspeccionar o enclave onde se presupoñía que podería estar, a Garda Civil atopouse cunha extensión de terreo que supera os 2.500 metros cadrados, repoboados con 3.437plantas de cánnabis. Tamén foron sorprendidas dúas persoas que nese mesmo momento atopábanse realizando labores de vixilancia e cultivo. Trátase de dous homes, de nacionalidade albanesa e sen domicilio fixo coñecido, que foron inmediatamente detidos como presuntos autores dun delito contra a saúde pública, por tráfico de drogas.
Segundo púidose comprobar estas dúas persoas vivían de forma permanente en senllas tendas de campaña que tiñan contiguas á plantación, dotadas dos medios necesarios para subsistir durante unha longa tempada. Dispoñían dunha cociña con varios fornillos e abundante comida e bebida. Nunha terceira tenda atopouse a documentación persoal doutro cidadán albanés que se atopa en paradoiro descoñecido. No campamento dispoñían tamén de diverso material de obra para traballar sobre o terreo (pas, picos e outros apeiros de labranza), abonos químicos e produtos de xardinería, ademais dunha balsa con auga da que saían varias mangueiras formando un perfecto sistema de rega que fornece de auga a toda a plantación.
O operativo concluíu co corte e pesada das plantas que serán postas ao dispor da autoridade xudicial competente. Os detidos, xunto coas dilixencias instruídas foron postos ao dispor do Xulgado de Instrución TRES de Pontevedra, que decretou o seu ingreso en prisión. As dilixencias continúan abertas para localizar e deter á persoa que posiblemente habitaba na terceira das tendas de campaña.