
A simbiose ioga, solpor e Patos volverá a producirse o vindeiro verán pero semanalmente e non quincenalmente como este primeiro ano. Así o garantiu este mércores o alcalde de Nigrán, Juan González, ante os centos de asistentes que acudiron á derradeira sesión de Ioga e Meditación no Solpor a cargo do gran mestre internacional Madhana (pioneiro nesta disciplina en España, introdutor en Galicia e fundador e director do Centro Sananda en Vigo). Tras dous meses desta nova actividade do Concello foi pechada cun breve concerto previo a cargo da cantautora de Nigrán Lucía Doval (teclado e voz).
“A praia de Patos á tardiña revelouse como un verdadeiro lugar máxico para acadar unha paz espiritual e física a través do ioga. A simbiose da actividade coa situación e os seus marabillosos solpores foi absoluta e tivo moitísima aceptación, polo que o verán que vén multiplicaremos as sesións”, avanzou o rexedor ante o gran interese amosado polos centos de asistentes cada día. “Ás 20:30 horas e entre semana a praia está xa moi desocupada, polo que non interferiu en nada cos bañistas e, ao mesmo tempo, permitiu unha maior concentración e relaxación”.