Certame de curtas e bicicletas solidarias na primeira edición do Festival Cinema a Pedal

Pónse en marcha a primeira edición do Festival Cinema a Pedal, unha novidosa mestura de cinema, deporte e medio ambiente que terá lugar no campo de fútbol de Monte Lourido (Nigrán) os días 9 e 10 de setembro.

Esta proposta de festival gratuíto que incluirá a programación de catro longametraxes, actividades para toda a familia e un ecomercado, conxuga varios elementos: o amor polo cinema, o pracer de andar en bicicleta, a convivencia co medio ambiente, as vantaxes de levar unha vida saudable e a necesidade de apostar polas enerxías renovables. No espazo onde se dispoñerá a pantalla ao aire libre, instalarase unha plataforma de bicicletas na que o público asistente poderá pedalear para xerar a enerxía necesaria que abastece o equipo de proxección.

CERTAME DE CURTAS

Por outra banda, este xoves 1 de setembro abrirase a convocatoria do concurso de curtametraxes organizado no marco do festival. O certame permanecerá aberto ata o 15 de setembro e está dirixido a estudantes e persoas afecciona- das ao cinema. A curta debe ter unha duración máxima de 10 minutos; será filmada en calquera punto do Camiño de Santiago, e o seu tema virará en torno ao lema “O camiño en bicicleta”.

Todos os traballos recibidos serán valorados por un xurado profesional composto pola directora da Cinemateca Uruguaia, María Santacreu, e as cineastas Aldara Pagán e Maren G. Zubeldia.

A información completa xunto ás bases está dispoñible na páxina web do festival.

BICICLETAS SOLIDARIAS

Outro dos temas de interese desta primeira edición é o punto de recollida de bicicletas usadas para doar á Recycling. Bicicletas Solidarias, unha asociación sen ánimo de lucro que naceu en Lalín polo interese de Lorena e José Luis “Seixo”, tras buscar infrutuosamente unha asociación á que doar as bicicletas do seu fillo. Ao non localizar algunha próxima, eles mesmos se embarcaron na aventura de recoller bicicletas para levalas a unha asociación de Guinea-Bisáu, onde poderían ser útiles non só como xoguetes senón como medio de transporte. En tan só dous anos recolleron unhas 400 bicicletas. Actualmente reparten bicis por outros lugares, como Marrocos ou mesmo aquí, en Galicia, onde xente con poucos recursos pode dispoñer da súa propia bicicleta. Co tempo, foron ampliando a súa actividade e agora, no punto de recollida de Recycling. Bicicletas solidarias do primeiro Festival Cinema a pedal poderanse depositar triciclos, patinetes, roupa deportiva, calzado deportivo e balóns usados para levar onde teñan unha nova vida.