A Mancomunidade adquire un furgón para Protección Civil Val Miñor

A Mancomunidade do Val Miñor vén de investir 14.000 € nun furgón para a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Val Miñor, concretamente unha Fiat Scudo de 9 prazas. “Realizan de maneira altruísta unha labor encomiable e fundamental para a seguridade dos tres concellos, así que desde a Mancomunidade entendemos que era urxente liquidar esta carencia que lles complicaba a súa propia organización”, explica Juan González, alcalde de Nigrán e actual presidente da Mancomunidade.

Este vehículo de segunda man permitirá substituír definitivamente o todoterreo Nissan Patrol de case 30 anos de antigüidade e, ao mesmo tempo, facilitará moitísimo os grandes dispositivos na comarca, xa que se empregará fundamentalmente para o movemento de persoal e/ou traslado de material. “Eventos como a Arribada, San Xoán, a Vig-Bay, as Cabalgatas de Reis ou a Festa da Bicicleta ou a seguridade nas praias implican moitos desprazamentos de persoal, polo que este furgón facilitará enormemente a nosa labor”, explica Iago Álvarez, o seu presidente, quen destaca que se trata dunha das agrupacións máis numerosas de Galicia con 136 voluntarios a día de hoxe. Así, este vehículo que “xubilará” ao actual Patrol sumarase ao todoterreo e á camioneta pickup que conforman a súa frota.