O programa Atando Cabos é recoñecido co Premio Mariano Aguado de Comunicación

O programa Atando Cabos da produtora TacTic Audiovisual foi recoñecido este ano co Premio Mariano Aguado de Comunicación, un galardón que se entregará o próximo 3 de setembro en Baiona no marco da gala dos Premios Nacionais de Vela.

Desde a súa creación a finais de 2018, esta produción audiovisual pasou xa por catro tempadas, nas cales se emitiron 126 programas de 24 minutos de duración. Un contido que se puido ver en diferentes canles de televisión como o de Nautical Channel, portais de vídeo como Youtube, e webs e blogues especializados.

Axuntar divulgación de competicións, novidades e eventos con entrevistas e entretemento é o principal obxectivo dun formato televisivo dividido en catro seccións. Mentres que “A todo trapo” céntrase na actualidade das regatas, en “As de guía” as protagonistas son as entrevistas a personaxes de actualidade. As principais novidades sectoriais englóbanse no espazo “A los cuatro vientos” e “La mar de a gusto” destínase ao estilo de vida náutico, a sustentabilidade, o turismo e a gastronomía.

Ideado e dirixido por Vicente Robles e codirixido e presentado por Nerea Ruiz; do equipo de Atando Cabos tamén forman parte Javier Gallen e Manuel Llario (editores), Marian Hinojosa (redacción e produción), José Pablo Sánchez Luna, Jesús Prats e José Javier Jiménez (cámaras) e Carlos Berdonce, Ygor Buesta, Lucas Mahillo, Santiago Pereira e Agustín Ramos (soporte empresarial).