Baiona colabora co programa de formación “Galegas Dixitais”

A Concellería de Igualdade do Concello de Baiona colabora co programa de formación “Galegas Dixitais”, un programa de formación para a dixitalización das mulleres. O programa, organizado por Beproyect Consultores e Ara Formación, está financiado polos Fondos europeos Next Generation EU e o Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Ministerio de Educación e Educación Profesional. O principal obxectivo é mellorar as capacidades dixitais de mulleres que se atopan en situación de desemprego ou en mellora de emprego. Preténdese favorecer a capacidade de empregabilidade, impulsar o emprendemento e desenvolvemento rural e reducir a fenda de xénero.

A formación está agrupada nos seguintes bloques temáticos:

  • Competencias dixitais básicas con 40 horas de duración
  • Competencias dixitais avanzadas con 40 horas de duración
  • Competencias dixitais para o emprendemento con 40 horas de duración

O programa desenvolverase dende o luns 12 de setembro ata o 21 de outubro de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas. Xunto co material didáctico e co obxectivo de facer posible o uso das novas tecnoloxías tras a formación, as alumnas participantes serán obsequiadas cun ordenador portátil co que poderán poñer en práctica o aprendido.

As mulleres interesadas deberán presentar a súa solicitude no CIM de Baiona en horario de 9:00 a 14:00 horas de luns a venres antes do 8 de setembro e achegar fotocopia DNI, tarxeta de desemprego ou tarxeta de mellora de emprego. Para máis información poden contactar no teléfono 986 35 75 54 ou a través do enderezo electrónico cim@baiona.gal.