Nigrán ofrece un roteiro pola variante litoral do Camiño Portugués pola Costa

O Concello de Nigrán continúa este mércores 17 de agosto coas súas andainas da programación de verán cun roteiro pola variante litoral do Camiño Portugués pola Costa. O punto de encontro é ás 19:00 horas na Ponte Románica da Ramallosa (non é preciso inscrición previa e é de balde) e terá unha duración de 2 horas aproximadamente, sendo a dificultade media-baixa. Os participantes deberán levar roupa e calzado axeitados, así coma unha botella de auga. As vindeiras rutas de agosto serán sempre ás 19:00 e non ás 20:00 como se realizaron na primeira quincena para poder aproveitar mellor a luz solar. Os seguintes roteiros serán o do Camiño Portugués Oficial o 24 de agosto (saída da Ponte da Ramallosa) e “A praia dos Afogados” o 31 de agosto (saída da Praia da Madorra).