O restaurante máis pequeno do mundo ponse en marcha este luns en Baiona coas reservas completas

Este luns, e durante 15 días, ponse en marcha en Baiona o “Rías Baixas. O restaurante máis pequeno do mundo para a provincia máis grande do mundo”, unha experiencia única e orixinal comandada polo chef Estrella Michelín Rafa Centeo e nada no seo do festival Barbeira Season Fest, que se celebrará na vila turística do 30 de agosto ao 4 de setembro, con apoio da Xunta de Galicia no marco do programa Xacobeo 21-22.

As prazas para gozar da experiencia esgotáronse en tan só dúas semanas, despois de que se anunciou o prazo de reservas a finais do pasado mes de xuño. Isaac González, un dos responsables de Recados Carmen, empresa promotora da iniciativa sinala que “nos chegaron peticións de reserva desde distintos puntos de España. Non só de curiosos ou amantes da gastronomía, tamén de marcas que quixeron ter un detalle cos seus clientes”. “Cando puxemos en marcha a idea dentro do Barbeira Season Fest o ano pasado, coa colaboración do Concello de Baiona para poñer en valor a súa hostalería e a súa calidade turística, sabiamos que o restaurante máis pequeno do mundo tería vida propia e un longo percorrido”, finaliza.

O restaurante ofrecerá, desde o luns, un servizo soamente de ceas durante 15 días (do 15 ao 30 de agosto), nunha soa mesa, e para un máximo de 10 comensais. A mesa estará situada nun lugar privilexiado de Baiona, con vistas ao mar.

Un menú homenaxe ao produto galego

O menú que deseñou Rafa Centeo é “unha homenaxe á esencia do produto galego de calidade e un paseo polas nosas costas” e, nel, os comensais poderán atoparse con, por exemplo, un “Cremoso de bacallau e tomate”, unha “Navalla con vermut branco, coco e cítricos”, unha “Meluza con tártara de leituga de mar e caviar”, bogavante, un tartar de tenreira galega ou unha peza de porco ecolóxico especiada con iogurt.

O “Rías Baixas” conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra e a colaboración do Concello de Baiona, Mahou, Rectoral Amandi, Regina Viarum, Alma Atlántica, Terras Gauda, Sardino, Traloagro, Campomayor e Mariskito.