A Xunta anuncia en Nigrán axudas para apoiar a pemes e autónomos en proxectos de loxística avanzada e sostible

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, informou esta mañá da nova liña de axudas, pioneira en Galicia, para que pemes e autónomos poidan impulsar proxectos de loxística avanzada e sostible.

Conde referiuse a estes apoios durante a visita que realizou este xoves en Porto do Molle (Nigrán) á empresa IATECC, especializada no desenvolvemento de solucións para a automatización e dixitalización de procesos loxísticos. Alí tivo a oportunidade de coñecer as propostas tecnolóxicas que está compañía está ofrecendo aos seus clientes -de sectores tan diversos como a automoción ou o agroalimentario- co obxectivo de mellorar a competitividade empresarial a través da mellora da función loxística.

Contar cun bo sistema loxístico é clave para a apertura comercial, a mellora da competitividade e o crecemento económico. Por iso, estas axudas pretenden que pemes e autónomos poidan desenvolver proxectos que lles permitan reducir custos, prazos de entrega e impacto ambiental, así como mellorar a calidade do servizo.

O novo programa facilitará a posta en marcha de iniciativas centradas na dixitalización e automatización; de propostas vinculadas a procesos e aplicacións como implantación de procesos de loxística inversa ou recuperación ou reciclaxe de materiais de envasado; e, por último, proxectos vencellados á analítica de datos. “As axudas están destinadas á modernización tecnolóxica da función loxística pero tamén buscan a sostibilidade e reducir a pegada de carbono. Galicia quere anticiparse desde o punto de vista da sotibilidade e a eficiencia a través da loxística”, subliñou Conde.

As axudas, de concorrencia competitiva, estarán abertas ata o vindeiro 15 de setembro e contan con dúas modalidades: pemes e autónomos a través de proxectos individuais; e agrupacións de pequenas e medianas empresas a través de iniciativas colectivas (mínimo de dúas empresas independentes, opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador).

Os apoios cubrirán ata o 35% dos investimentos para as pequenas empresas e o 25% para as medianas, ademais do 50% dos custos das colaboracións externas, cun límite máximo de subvención de 100.000 euros en iniciativas individuais, e de 100.000 euros multiplicados polo número de empresas nos proxectos colectivos.

Esta nova orde de apoios enmárcase no Plan de medidas de aforro e eficiencia enerxética impulsado por Galicia e vén dar resposta ás necesidades loxísticas actuais co obxectivo de facer fronte aos retos actuais.

Conde agradeceu ao Clúster da función loxística de Galicia o seu labor e colaboración coa Xunta pola súa aposta pola modernización, o impulso á innovación e á loxística 4.0; así como por facer de Galicia un enclave estratéxico. De feito, destacou que os datos das exportacións galegas -que o ano pasado superaron a barreira dos 25.000 millóns de euros e que nos primeiros cinco meses de 2022 rexistraron unha suba do 22,6% con respecto ao mesmo período do ano anterior- non se entenderían sen un servizo loxístico de calidade como o que ofrece Galicia. “Este sector está demostrando as súas capacidades instaladas e os datos de exportacións son un bo exemplo de como Galicia está sabendo competir desde o punto de vista do produto, dos procesos e tamén no eido loxístico”, explicou.