O Concello de Nigrán colabora co Centro Cultural Bolos da Carrasca na súa Semana Cultural

O Concello de Nigrán colabora co Centro Cultural e Deportivo Bolos da Carrasca para organizar a súa XXVII Semana Cultural que arranca mañá martes e que ten o seu día grande o venres 12 de agosto coa festa dos ovos con chourizo, evento gastronómico que se recupera tras dous anos sen celebrarse debido ao Covid. Ese día, a partir das 21:30 horas, preto de 25 persoas da entidade estarán a traballar para poder ofrecer 1.500 racións nunha Praza da Carrasca totalmente cuberta por paraugas de cores grazas á colaboración de Juan Alves.

A Semana Cultural arranca mañá coa escola LDanzia ás 21:30 horas, continúa o mércores á mesma hora con Airiños do Mar de Teis e o coro Ecos do Castelo e o xoves co Día do Neno a partir das 17:30 horas con inchables, contacontos, globoflexia, pintacaras… Xa o venres será a festa dos “Ovos con chourizo” coa actuación do grupo de gaitas Cores do Sobreiro.