Nigrán dota á parroquia de Parada dunha pista multideporte

O Concello de Nigrán vén de dotar á parroquia de Parada dunha pista multideporte ao carón do cemiterio municipal, transformando así unha parte da superficie dedicada a aparcamento nunha zona de lecer moi próxima ao torreiro, tal e como as propias entidades demandaban. Hai practicamente un ano o Concello investira 25.000 € para formigonar 1.330 metros cadrados para poder ser empregados como párking e, tal e como se comprometera coas asociacións, habilitar a continuación unha pista deportiva.

Así, o Concello investiu un total de 7.000 € para acondicionar un espazo de 32×16 metros de lonxitude para poder practicar baloncesto ou fútbol-sala, polo que foi pintada de pintura mate específica con liñas para estas canchas deportivas, ademais de dotala de dous xogos de porterías e canastras galvanizadas con rede antivandálica. A maiores, o recinto será acoutado nos próximos días cunha rede para evitar a saída das pelotas.

“Cando formigonamos toda esta superficie xa nos comprometeramos coas entidades a habilitar unha pista para promover a práctica deportiva. Consideramos que este é o lugar idóneo porque se atopa en pleno centro, ao carón do C.C.D. Parada do Miñor e da Igrexa de Santiago”, explica o alcalde, Juan A. González, quen indica que, ademais, se mantén boa parte da superficie destinada a aparcamento.

Todo o espazo fora cedido pola Comunidade de Montes de Parada ao Concello durante cinco anos co fin de emprender estas obras demandadas desde as diferentes entidades da parroquia para poder empregar o recinto como novo torreiro de festas, zona de aparcamento e agora tamén cun área destinada a deporte.