O Aceites Abril logra en Baiona o seu sexto Trofeo Conde de Gondomar

Vitoria histórica para o Aceites Abril de Luis e Jorge Pérez-Canal na cuadraxésimo sétima edición do Trofeo Conde de Gondomar – Gran Premio Zelnova Zeltia / Banco Sabadell. Coa disputa dos dous últimos bastóns da competición, o barco liderado polos irmáns ourensáns logra o seu sexto título, igualando o récord de triunfos que ostentaba ata o momento en solitario a saga do Pairo de José Luis Freire.

A cuarta e última xornada da cita organizada polo Monte Real Club de Yates convocou de novo aos máis de corenta barcos para completar dúas probas de formato barlovento-sotavento no campo de regatas situado fronte ás Illas Cíes. Con todas as opcións abertas en practicamente todas as categorías participantes, a frota encarou o final do Conde con forza e o Comité de Regatas puido cumprir co programa previsto arrancando a competición pasadas as doce do mediodía.

Entre os equipos de ORC que se xogaban o Trofeo Conde de Gondomar -para o que puntuaron tanto os dous últimos bastóns como o reto do Carrumeiro Chico do venres e a volta a Ons do domingo-, as dúas últimas vitorias postas en xogo adxudicoullas o Ifaclinic do Iate Clube do Porto, que con Joao Nuno Veloso non tivo rival nesta última xornada en augas da ría de Vigo. A vitoria definitiva e o ansiado título do Conde de Gondomar foi, con todo, para o Aceites Abril do Real Club Náutico de Vigo, ao que lle bastou con dous segundos postos para adxudicarse un folgado triunfo con cinco puntos e medio sobre o segundo clasificado.

Xa nos pantaláns, Luis, o menor dos irmáns Pérez-Canal, destacaba o papel da tripulación como unha das claves para o fito logrado con este sexto título en Baiona. “Xa é o sexto Conde de Gondomar e é un luxo gañalo con esta magnífica tripulación. Levamos xuntos toda unha vida e sen dúbida o triunfo é grazas a eles porque son os que nos deron a vitoria. É a mellor tripulación que se pode ter e felicítoos porque son fantásticos”, afirmou.

Luis e Jorge Pérez-Canal, Eduardo Reguera, Pablo Iglesias, Carlos Sanmartín, Luis Sampedro, Pablo Espinosa, César Torné, Rafael Martínez-Almeida, Iago Carrera, Sebastián Martínez-Risco, Luis da Rocha e Juan de Cominges son os trece tripulantes que, a bordo do Aceites Abril, lograron igualar o número de títulos da saga do Pairo do armador José Luis Freire.

Por detrás, o segundo posto foi a parar a mans do Magical, tamén con grímpola do Real Club Náutico de Vigo. Un terceiro e un cuarto foron os resultados dos de Julio Rodríguez nesta última xornada, finalizando cunha distancia de dous puntos sobre o Solventis de Alberto Moro (Monte Real Club de Yates), que pecha o podio no terceiro caixón.

Na división Open A, as condicións do campo de regatas, que se presentou cun vento do noroeste de entre oito e dez nós de intensidade, favoreceron ao gañador da etapa do Carrumeiro, o Yess de Rui Ramada (Monte Real Club de Yates), que anotou as súas dúas últimas vitorias parciais da regata para converterse en vencedor coa friorenta de dez puntos sobre o seu inmediato perseguidor, o portugués Racer de Januário Cruz, que ocupou o segundo caixón por diante do tamén equipo luso Five, patroneado por Joao Tourigo.

En Open B, pola súa banda, tampouco deu opcións o equipo local comandado por Luis García, o Unus, que pecha tamén un Conde de Gondomar perfecto con pleno de vitorias na súa marcadora. Por detrás dos de García, a sete puntos e medio terminou o Narval de José Antonio Portas representando ao Club Náutico de Vilagarcía e terceiro foi o Ronáutica Marinas de Jorge Carneiro (Club Náutico San Telmo).

Con respecto ao Trofeo Erizana, no que puntuaron as frotas de ORC, J80 e Fígaro que disputaron a costeira do sábado, a vitoria máis clara foi a do vigués Deep Blue 2.1 de Vicente Cid (Real Club Náutico de Vigo) en ORC 0-2, que pechou o Conde de Gondomar con catro primeiras posicións nas catro probas completadas. Aos de Cid seguíronlles La Burla Negra de Juan José Martínez do Club Náutico Castrelo de Miño no segundo posto e o Nahela de Víctor Álvarez, que foron terceiros representando ao Club Náutico Alagua.

En ORC 3-4, gran resultado tamén para o Marcolfo do Real Club Náutico de Vigo. O equipo que dirixe Antonio Gómez logrou alzarse coa vitoria por diante do Bonaventure de José Luis Ríos, tamén do club vigués, e do Esquío de Alejandro Castro, do Liceo Marítimo de Bouzas, segundo e terceiro respectivamente.

En J80, un noveno do Alboroto no primeiro bastón apertou ao máximo a clasificación e non foi ata a última proba cando os de Juan Carlos Ameneiro puideron certificar a vitoria definitiva da regata tras liderar desde a primeira xornada de competición. Seguíronlle no podio o Spaco de Santiago Estévez no segundo posto -gañadores da primeira manga do día- e o Hull Maxx de Chisco Catalán coa terceira posición da xeral.

En Fígaro, pola súa banda, a última xornada serviu ao Bouvento de Diego Pérez e David Fontán para recuperar o liderado e converterse en vencedores da categoría por diante do Erizana de Gemma González e do Tutatis de Elena Raga, que terminaron na segunda e terceira posición. O Erizana, ademais, levou o premio á mellor tripulación feminina da clase Fígaro.

Coa xornada xa finalizada, os xardíns do Monte Real acolleron ás 18:30 horas a entrega de galardóns aos vencedores da edición, poñendo así o broche final a unha das regatas máis emblemáticas do club baionés e que de novo contou co patrocinio de Zelnova Zeltia e Banco Sabadell.

Ao acto asistiron o presidente do club, José Luis Álvarez; a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias; o alcalde de Baiona, Carlos Gómez; o deputado de cooperación, Santos Héctor; Adrián Salgado, director de márketing de Zelnova Zeltia; Rafael Mato, director rexional de Banco Sabadell; e Joaquín Martínez, director comercial de Volvo Autesa.

Agora, o Monte Real prepárase xa para o 37º Trofeo Príncipe de Asturias, que se disputará entre os días dous e catro de setembro e incluirá, como cada ano, a gala de entrega dos prestixiosos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda a noite do sábado día tres.