A volta a Ons deixa visto para sentenza o 47º Trofeo Conde de Gondomar

Emoción na penúltima xornada do 47ª Trofeo Conde de Gondomar- Gran Premio Zelnova Zeltia e Banco Sabadell, na que toda a frota participante completou a clásica Volta a Ons. 32 millas en total que o máis rápido da frota, o Magical de Julio Rodríguez (Real Club Náutico de Vigo), completou en cinco horas e tres minutos.

Para os equipos que se xogan o Trofeo Conde de Gondomar, a proba deste domingo foi a segunda das catro puntuables xunto coa subida ao Carrumeiro Chico e os dous bastóns programados para o luns. Os de Julio Rodríguez foron os primeiros en tempo real e tamén en compensado, e lograron anotase a vitoria de etapa.

Así as cousas, o equipo que comanda Julio Rodríguez ascendeu un posto e colocouse segundo da xeral de ORC a só dous puntos e medio do defensor do título, o Aceites Abril, que tratará de sumar o luns a súa sexta vitoria do Conde de Gondomar. Por detrás, a terceira posición do podio provisional ocúpaa agora o Solventis de Alberto Moro, con grímpola do Monte Real club de Yates.

“A verdade é que estamos moi contentos coa regata de hoxe”, comentaba Andrés Gómez, cana do Magical. “Empezamos con algo de lea, pero aos poucos conseguimos acelerar ata adiantar ao Aceites Abril e a partir de aí fomos estirando. Aínda quedan dúas regatas mañá e vai estar complicado, o Abril é un rival duro pero imos tentar facelo o mellor posible para gañar”.

Nunha xornada que arrancou puntual ás once da mañá, cun ceo cuberto de nubes e un vento suave do suroeste, a división Open resolveuse a favor do Yess de Rui Ramada (Monte Real Club de Yates), que continúa á fronte da xeral cunha vantaxe de cinco puntos e medio sobre o segundo clasificado, o tamén baionés Unus de Luis García, e nove sobre o Narval do Club Náutico de Vilagarcía, patroneado por José Antonio Portas, que tamén foron segundo e terceiro respectivamente na volta a Ons.

A volta a Ons tamén puntuou para o Trofeo Erizana, na que compiten ORC, J80 e Fígaros. En ORC non defraudou o Deep Blue 2.1 de Vicente Cid (Real Club Náutico de Vigo). Volveu sumar un primeiro posto e situouse máis preto da vitoria definitiva. Por detrás, seguíronlle este domingo os dous barcos que tamén ocupan o segundo e terceiro posto da xeral: La Burla Negra de Juan José Martínez (Club Náutico de Castrelo de Miño) e o Nahela do Club Náutico Alagua con Víctor Martínez á fronte.

En J80 non houbo sorpresas e repetiu vitoria o Alboroto de Juan Carlos Ameneiro, que se está lucindo nesta edición do Conde. O segundo e terceiro posto da etapa repartíronllos o Spaco de Santiago Estévez e o Ferralemes de Rosario García respectivamente. Con estes resultados, os de Ameneiro afiánzanse no liderado da xeral por diante do Spaco, que asalta o podio no segundo caixón, e do Hull Max de Chisco Catalán, que se coa no terceiro posto desbancando ao Cansino.

Máis difícil tivérono os Fígaro para completar o percorrido, e é que ao redor das seis da tarde o vento caeu por completo e a frota viuse obrigada a esforzarse ao máximo para cruzar a liña de chegada. O primeiro en facelo foi o Erizana de Gemma González, que consegue facerse co liderado por diante do Bouvento de Diego González, que é agora segundo, e do Serralleiras de Ángela Aroa Rodríguez, que se coa en terceiro posto provisional tras o terceiro anotado este domingo.

Para este luns, última xornada de regata, o Comité conta con completar dous bastóns fronte ás Illas Cíes, que decidirán aos vencedores dos dous trofeos que están aínda en xogo: o Trofeo Conde de Gondomar e o Erizana. A saída está programada para as doce do mediodía, aínda que todo dependerá das condicións de vento.

Unha vez finalizada a regata, o Monte Real acollerá ás seis e media da tarde a entrega de trofeos desta cuadraxésimo sétima edición do Trofeo Conde de Gondomar – Gran Premio Zelnova Zeltia Banco Sabadell. Ao acto asistirán o presidente do club, José Luis Álvarez; a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias; o alcalde de Baiona, Carlos Gómez; e o deputado de cooperación, Santos Héctor, así como representantes de Zelnova Zeltia e Banco Sabadell, patrocinadores do evento. Na competición tamén colaboran a Xunta de Galicia, o Concello de Baiona, o concesionario Volvo Autesa de Vigo, a xenebra premium Martin Miller, a adega Terras Gauda e a marca de roupa náutica Musto.