Localizan un artefacto incendiario nun conato xa extinguido no distrito forestal XVIII Vigo-Baixo Miño

Efectivos da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Consellería do Medio Rural localizaron un artefacto incendiario que provocou un conato de incendio, xa extinguido, no distrito forestal XVIII (Vigo-Baixo Miño).

Trátase dunha cabicha provista dun sistema de ignición, concibida para ser depositada no monte e prender lume de xeito retardado, para dar tempo ao incendiario a distanciarse do lugar. Esta proba foi achada nun conato de lume que quedaba extinguido esta madrugada, grazas á rápida intervención dos servizos de extinción. O levantamento do achado fíxose de forma conxunta coa Garda Civil, que se encargará agora de procesar e analizar a proba.

A localización deste dispositivo forma parte do traballo dos profesionais da UIFO espallados por todo o territorio galego en tarefas de investigación e vixilancia. Un labor que se apoia tecnicamente no uso de novas tecnoloxías, caso dos drons, así como no sistema de vixilancia posto en marcha pola Xunta, cun total de 148 cámaras instaladas por toda Galicia e que mesmo permiten identificar matrículas de vehículos.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.