O festival de danza e movemento “Abanea” levará dez formacións artísticas a Gondomar e Allariz

A asociación IS·MO Cultura lanza Abanea, festival de danza e movemento que celebrará a súa primeira edición entre o 28 e o 31 de xullo en Gondomar e Allariz, para o que conta co apoio da Xunta de Galicia. Dez serán as compañías e formacións artísticas que participen neste encontro que divide o seu cartel entre as dúas sedes. O municipio pontevedrés concentrará o groso da programación ao celebrar sete funcións durante catro días mentres que o concello ourensán pechará o programa o domingo 31 con dúas actuacións.

O patrocinio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para o nacemento de Abanea sitúase na estratexia definida no Plan Integral para a Danza de Galicia, consensuado a través dun proceso de diálogo aberto, participativo e transparente no que estiveron as principais asociacións e entidades do sector para determinar as súas liñas de acción e os seus obxectivos.

Entre as distintas prioridades que recolle esta folla de ruta, destacan a descentralización do circuíto de exhibición de espectáculos de danza e a fomento da colaboración con entidades, colectivos e institucións de fóra de Galicia. Ambos os dous extremos cúmpreos Abanea, xa que este festival inclúe formacións artísticas procedentes de México, Madrid, Cataluña ou País Vasco e divide a súa programación en dúas localidades de provincias diferentes.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, recibiu hoxe na Cidade da Cultura de Galicia o equipo organizativo de Abanea, representado por Marta Alonso Tejada, Manu Lago e Lilian Portela, así como polos concelleiros de Cultura dos dos concellos implicados. Na xuntanza abordouse a programación artística do festival e mais o apoio que o certame lle brindará a unha compañía emerxente para acompañala durante dous anos no proceso de creación dun espectáculo. Nesta primeira edición, daráselle este soporte ao colectivo La Incendiaria.

Funcións ao aire libre

Abanea arrincará o xoves 28 en Gondomar da man da compañía vasca Lasala, que ofrecerá a súa peza Alive, e da formación galega Fran Sieira Compañía de Danza, que actuará coa súa obra DeMente. As dúas actuacións desenvolveranse na praza da Paradela de Gondomar ás 21:00 h. A primeira xornada despedirase no parque Ponte de Rosas ás 23:00 h. coa proxección dunha escolma de videodanzas realizadas por profesionais de Galicia. Esta sesión, que se repetirá o domingo en Allariz, conta coa colaboración do programa Buzón de Baile de Radio 3.

Ao día seguinte, o venres 29, será a quenda da formación catalá Ángel Durán Performing Arts, que chegará ao mesmo espazo ás 21:00 h. con The beauty of it, e mais da compañía galega La Macana con Pink Unicorns, obra que reúne en escena ao redor da danza un pai e un fillo, Alexis Fernández e Paulo Fernández, para retratar a relación non sempre sinxela entre xeracións distintas.

Abanea despedirase de Gondomar o sábado 30 recibindo ás 21:00 h. os colectivos La Galga e Eyas Dance Project, ambos os dous procedentes de Madrid, que traen respectivamente as pezas Ludo e Júpiter+Jaguar. O punto e final na praza da Paradela porao Marta Alonso Tejada con Dancin’Queen, espectáculo que conclúe cunha sesión de DJ Afro Brix.

O domingo 31 de xullo rematará a primeira edición do festival ideado por IS·MO Cultura cos dous espectáculos que se poderán ver na Praza do Matadoiro a partir das 21:00 h. O primeiro será Xenérica, do Colectivo Glovo, ao que lle seguirá H.A.R.L.E.M, produción mexicana de Carla Segovia e Guillermo Aguilar que conta coa colaboración de SóLODOS e A Casa Vella. Precisamente, neste espazo situado no lugar de Amiadoso presentará ás 17:00 h. o colectivo La Incendiaria con Mashup, o seu proxecto en proceso de creación.