La Fiesta Escénica trae a Nigrán un circo formado exclusivamente por artistas refuxiados de Ucraína

O Concello de Nigrán amosa o seu agradecemento por ser a sede do gran circo “Ihrashka”, formado exclusivamente por refuxiados ucraínos e que a partir do luns 18 de xullo, e previsiblemente durante todo o verán, ofrecerá unha función diaria (20:30 horas) en Praia América-Lourido. A gran carpa de 35 metros de diámetro e coas cores amarela e azul da bandeira de Ucraína preside xa unha gran parcela fronte ao estacionamento do areal.

Este é o último proxecto de “La Fiesta Escénica”, compañía de Oia dirixida por Abel Martín, e nesta ocasión en colaboración con “Circo Inimitable”. A gran particularidade é que está conformado por unha ducia de novos artistas refuxiados ucraínos (dous deles mesmo contan con medallas olímpicas en Ximnasia). As entradas, cun prezo de entre 12 e 14 €, están á venda a través de http://www.giglon.com.

“Estamos encantados de que Nigrán sexa a sede elixida para este circo da solidariedade porque reúne por unha banda a máis alta calidade e, por outra, sirve de apoio a todos estes artistas-refuxiados que por razóns obvias non poden regresar ao seu país e precisan seguir traballando dignamente”, destaca o alcalde, Juan González, quen subliña tamén a virtude de que se trate dun espectáculo para un público de todas as idades, “polo que enriquece a programación de verán realizada desde o Concello”.

“En ningures do mundo levouse a cabo un proxecto destas características tras a guerra. Nós ofrecémoslles un traballo, non caridade, é unha cuestión de dignidade”, destaca pola súa banda Abel Martín, quen iniciou este proxecto entre os meses de abril e maio en vista da situación do conflito. “Fomos xuntando a estes artistas que nese intre se atopaban circunstancialmente dispersos por diferentes países de Europa co obxectivo de poder ofrecerlles un contrato de traballo que lles permita seguir vivindo dignamente fóra de Ucraína, por iso insisto en que non se trata de caridade, é gañarse a vida honradamente”, explica.

“Ihrashka” é unha palabra ucraína que significa “xoguetes”. O espectáculo de 1 hora e 20 minutos está centrado precisamente nisto, na vida cando se é neno: na imaxinación, a inxenuidade, querer voar… Un lugar onde reencontrarnos coa nosa propia infancia, cos recordos e o divertimento, coa alegría de descubrir que aínda nos podemos sorprender. “Trátase dun show de alta calidade técnica e artística, digno de ser visto”, resume Martín, quen destaca que absolutamente toda a ambientación está baseada en Ucraína.