Medio Rural dá por estabilizado o incendio de Baiona

A Consellería do Medio Rural vén de informar da situación dos incendios forestais con datos recollidos ata as 19:45 horas de hoxe. O lume do concello pontevedrés de Baiona, parroquia de Baredo, que se orixinara ás 00:39 horas desta madrugada, quedou estabilizado ás 17:11 horas desta tarde. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 40 hectáreas. No seu control levan traballado en total 1 técnico, 4 axentes, 13 brigadas, 10 motobombas e 1 pa.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.