A sexta edición de Vive Nigrán arranca coa volta de Iván Ferreiro á “súa praia”

O festival Vive Nigrán arranca este venres a súa sexta edición no campo de fútbol de Monte Lourido, fronte a Praia América, co regreso de Iván Ferreiro á praia que fixo mundialmente coñecida a través de “Turnedo” nun concerto moi especial, onde repasará éxitos da súa carreira cos Piratas e en solitario, acompañado da súa banda habitual. Iván Ferreiro subirase ao escenario Mahou a partir das 23:30 horas.

Antes, e para arrancar esta edición, o galego Grande Amore presentará o seu primeiro disco no escenario Xacobeo a partir das 19:15 horas, con sons electrónicos e industriais, pinceladas ás veces macarras e ás veces tenras, pero sempre cheas de personalidade. Os andaluces Colectivo Da Silva chegarán coa súa mestura de estilo naïf, festa e rebeldía pop ao escenario Mahou desde as 20:30 horas e Karavana ofrecerá un directo cheo de enerxía no escenario Xacobeo desde as 22:00 horas. Cool Nenas pecharán a primeira xornada con temazos, baile e actitude; os ingredientes escollidos por dani, Mariagrep e Kimberley Tell, a partir das 01:00 horas, para crear a festa perfecta.

RIGOBERTA BANDINI, PROTAGONISTA DO SÁBADO

A programación do sábado 16 arrancará con Niña Polaca que abrirán o festival no escenario Xacobeo trasladándonos ao Madrid dos oitenta a través das súas cancións pop con toques indie-rock, a partir das 19:15 horas. La Bien Querida acompañada da súa banda ao completo ofrecerá un dos seus concertos máis especiais no escenario Mahou, desde as 20:20 horas nunha xornada onde as mulleres serán protagonistas no cartel. O plan do sábado complétase co Concerto Vibra Mahou da banda de pop feminino Cariño, un sopro de aire fresco e descarado nun concerto incluído no abono do festival, no escenario Mahou a partir das 22:00 horas. Rigoberta Bandini fará vibrar ao público de Nigrán na noite do sábado desde o escenario Xacobeo desde as 23:45 horas con hits tan coreados como “Perra”, “Too many drugs”, e “Ay mamá”, convertido en todo un himno. Con millóns de escoitas e visualizacións dos seus temas, posicionouse como unha das artistas españolas con máis presenza a nivel internacional. Para pechar o festival, EME DJ, unha das DJ españolas cunha traxectoria máis recoñecida na escena indie-pop, fará bailar a todos os presentes en Monte Lourido.

O festival volve de novo a unha contorna privilexiada, fronte a Praia América, no campo de fútbol de Monte Lourido, coa colaboración do Concello de Nigrán. Nesta edición, engádese unha xornada extra, o domingo 17 de xullo con Vive Nigrán [+], unha cita imprescindible para os amantes da música en español, que traerá ata Monte Lourido a Miguel Ríos & The Black Betty Trio. As últimas entradas para o venres e tamén para a xornada extra Vive Nigrán [+] do domingo están dispoñibles en http://www.vivenigran.com e http://www.ataquilla.com.

Nesta edición volven as actividades complementarias con propostas para todos os públicos a través das accións de Vive Sostible, Vive Patrimonio, Vive Igualdade e Vive Activo, realizadas coa colaboración da Deputación de Pontevedra, e o Concello de Nigrán. O sábado están programados roteiros en kaiak, pádel surf e un bautismo de surf dentro do programa de Vive Activo.

O festival conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra, a través da súa marca “Rías Baixas Fest” e da Xunta de Galicia, a través de “FEST Galicia”, e en 2022 volve ter unha vez máis o apoio de Gadis, Aqualia e Vibra Mahou, a plataforma musical de Mahou Cinco Estrellas que xera encontros ao redor da música en directo.