A Asociación A Pasaxe e Asime urxen a regularización do polígono industrial

Asime e a Asociación Empresarial A Pasaxe analizaron esta mañá a situación do proceso de regularización do Polígono Industrial, que foi xa aprobado polo Concello de Gondomar e atópase pendente da validación definitiva por parte do Concello de Vigo e a Xunta de Galicia.

Con esta regularización, esperada durante décadas polas 70 empresas situadas no polígono da Pasaxe, preténdese dar solución a unha falta de regularidade urbanística que está a lastrar o crecemento industrial do sector da comarca. Javier Díaz, presidente da Asociación Empresarial A Pasaxe, destacou que “o feito de carecer de licenza de actividade no polígono dificulta enormemente a consecución de grandes contratos internacionais e mesmo programas de apoios públicos, onde este é un requisito indispensable. Estamos a perder competitividade e a posibilidade de pechar novos contratos que levan carrexada carga de traballo e empregos. Confiamos en que todas as administracións implicadas poidan dar o empuxón definitivo a esta reclamación histórica do polígono antes do mes de agosto, que é o noso desexo e obxectivo e tamén o compromiso que adquirimos as empresas do polígono cos nosos máis de 3.000 traballadores”.

Enrique Mallón, Secretario Xeral de Asime, lembra que “o Polígono Industrial da Pasaxe é de vital importancia para o sector industrial galego. Estamos a falar de máis de 70 empresas que teñen un compromiso firme co emprego e que, de non poder regularizar a súa situación, veríanse abocadas a deslocalizarse a outros polígonos ou mesmo outras rexións. É algo que non nos podemos permitir, e confiamos en que todas as administracións das que depende esta regularización poidan actuar o máis axiña posible para que os traballadores poidan irse de vacacións en agosto sabendo que as súas empresas teñen as garantías necesarias para a continuación da súa actividade”.

O proceso de regularización do Polígono atópase xa licitado, á espera do visto e prace definitivo por parte das administracións que deben aprobalo. Os empresarios levan preto de 3 meses á espera dese desbloqueo final, que consideran “crucial para o futuro da comarca e o seu desenvolvemento empresarial”. O proceso contempla legalizar nunha primeira fase os 200.000 m2 de instalacións que xa ocupan as máis de 70 empresas que o conforman, nas que se acometerían obras e reformas necesarias sufragadas polas propias empresas. Nunha segunda fase procederase á ampliación do Polígono, para que se consolide como pulmón industrial da comarca, permitindo a instalación de novas empresas na zona, que atraerían maior emprego e crecemento.