OVALMI abre o prazo para participar na 15ª edición da Feira de Oportunidades “Portobelo”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

A Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor -OVALMI- e o Concello de Nigrán están a organizar a 15ª Feira de Oportunidades do Val Miñor, “Portobelo”, que se celebrará o vindeiro domingo día 14 de agosto, no Paseo da Ramallosa, en Nigrán.

Dita Feira de carácter multisectorial, celébrase coa finalidade de promocionar os comercios da comarca, reforzar o contacto cos clientes habituais, xerar outros novos, así como liquidar stocks dos establecementos.

A feira contará con distintas actuacións ao longo do día, así como música ambiental entre outras cousas. Este ano, retomarase de novo o “Flota como Poidas”, onde os participantes sorprenderannos cos seus enxeñosos dispositivos flotantes.

Os interesados en participar ou en obter máis información sobre o evento, poden poñerse en contacto coa Asociación OVALMI, no número 986 36 67 30 ou no correo asociacion@ovalmi.com antes do 1 de agosto.