O PP ve “pouca sensibilidade” da concelleira de Cultura con quen visita Baiona por facer os monólogos en galego

O PP de Baiona lamenta a “falta de respecto” que a concelleira de Cultura tivo onte co público que asistiu ao monólogo do humorista Quico Cadaval na Praza do Concello “ao decidir que se fixese en galego e non en castelán para permitir que os asistentes, unha gran maioría residentes de segunda vivenda na nosa localidade procedentes de diferentes puntos de España, puidesen entendelo e non se sentisen discriminados”. Tanto a presentación da actuación, que realizou a propia titular de Cultura, como o monólogo, foron en galego.

Para os populares, que entenden que “noutra época do ano si se poida optar polo noso idioma, non é de recibo que se faga en pleno verán, a época de maior afluencia turística”. Asistentes ao monólogo de onte na Praza do Concello trasladaron as súas queixas ao grupo municipal popular. “Sempre se fixo en castelán como un xesto de cortesía aos visitantes, que adoitan acudir como público a estes eventos culturais”, manifestan desde o PP.

Lembran desde o principal partido da oposición o carácter “acolledor” desta vila ata o punto de que conta cun importante número de segundas residencias de familias que tras visitar o municipio decidiron comprarse unha propiedade para regresar no verán.