Immaculate Fools tamén formarán parte da segunda edición de Espazo Fest este verán

A banda hispano-británica Immaculate Fools, liderada por Kevin Weatherill, actuará no Pazo de Urzáiz o 4 de agosto presentando o seu último traballo, “Stardust and Water”. Con esta última confirmación péchase o cartel da segunda edición de Espazo Fest o festival dos pazos de Nigrán, que se celebrou con gran éxito por vez primeira o pasado verán, e que este ano se levará a cabo entre os meses de xullo e agosto nos pazos de Urzáiz e de Cea e no que o Concello de Nigrán colabora a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

A banda Immaculate Fools apareceu no ano 1984 entre o pop sombrío e as tinguiduras folk con aire desesperanzado. A idea xurdiu a partir de dúas parellas de irmáns amantes da música: Kevin e Paul Weatherill, por unha banda, e Andy e Peter Ross, por outro. En moi poucos anos de carreira, conseguiron un éxito notable nas listas de vendas grazas sobre todo ao seu primeiro sinxelo “Immaculate Fools”, e outros temas como “Wish You Were Here” ou “Come On Jayne”. Este ano cumpríronse 36 anos da edición dese primeiro single e tras diversos proxectos en solitario, os fundadores do grupo, o cantante Kevin Weatherill e o multi-instrumentista Andy Ross, reactivan de novo a banda e chegan a Espazo Fest para presentar o seu último traballo, “Stardust and Water”.

Esta nova confirmación únese ás xa confirmadas actuacións da potente banda de versións rock No More Bullshit o 22 de xullo no Pazo de Urzáiz, coas entradas xa esgotadas, Taburete no Pazo de Cea o 5 de agosto, precedidos pola actuación de Roma, un día despois, o 6 de agosto chega Soto Asa, unha das rutilantes estrelas da música urbana actual, que xa ten colaborado con Yung Beef ou coa mesmísima Bad Gyal; o 12 de agosto será a quenda de Pol 3.14, o artista que se converteu nun fenómeno de masas co tema “No Time”, que funcionou como banda sonora da última temporada da popular serie “La Casa de Papel”, e o 13 de agosto está confirmada a vibrante banda de soul viguesa The Soul Jacket, que presentarán o seu novo traballo, “Kick Radio”, e estarán precedidos da actuación da viguesa MaríaSOA.

Espazo Fest naceu o pasado ano como unha alternativa ao aire libre, para poder gozar os concertos malia as restricións da pandemia. O concepto do festival pasa pola música nos xardíns dos pazos de Nigrán cunha conexión coa gastronomía e o patrimonio.

A idea tivo unha gran acollida, e máis de 6.000 persoas pasaron o pasado verán pola primeira edición do festival, que contou con artistas como Iván Ferreiro, Coque Malla, Marlango, Carlos Sadness ou La Bien Querida. Este ano tamén está previsto a presenza de bandas locais, seguindo a filosofía de combinar artistas consagrados con oportunidades para grupos emerxentes.

A proposta do festival é vivir unha experiencia singular na que a música sexa un reclamo para achegarse a ese tesouro pouco coñecido que é o patrimonio arquitectónico dos pazos. Trátase de desfrutar destes espazos, moitos deles pechados habitualmente ao público, e deixarse envolver pola natureza dos xardíns onde medran magnolios señoriais e camelias centenarias. Cada unha das actuacións terá un aforo máximo de 2.000 persoas de pé, e nas vindeiras semanas está previsto o anuncio de novos grupos.

Todas as entradas están á venda a través de http://www.espazofest.com e http://www.teuticket.com.