Vincios celebra esta fin de semana o Curro do Galiñeiro

Este sábado e domingo, 9 e 10 de xullo, celébrase o Curro do Galiñeiro, en Vincios. Haberá postos de bebida e música. Ademais, a Asociación de Veciños “Galiñeiro” de Vincios montará unha cantina co obxectivo de recadar fondos para as festas de Santa Mariña 2022, con churrasco, sardiñas, choripán…

O desenvolvemento do curro non se diferencia substancialmente doutros da zona. A recolla dos cabalos realízase no mesmo día da festa, pola mañá, nun perímetro que abarca practicamente todo o monte Galiñeiro, desde Zamáns ata Auga da Laxe. A parada para iniciar o tramo final é no denominado alto de As Brañas.

A partir de aquí diríxense os cabalos artesanalmente polos besteiros ata o recinto do curro, procedéndose á entrada no mesmo ao mediodía. No tramo final faise un pequeno cordón. Xa pola tarde, despois da comida campestre, realízanse os labores tradicionais de separación, desparasitación, marcaxe, solta, etc.