Nigrán inviste 18.000 € na compra de oito novidosas ramplas accesibles para as praias do municipio

O Concello de Nigrán vén de investir 17.908 € na adquisición de oito ramplas flexibles para que os areais de Praia América-Lourido e Patos resulten facilmente accesibles. Fronte á tradicional pasarela de táboas, este é un sistema diferente porque resulta máis similar a unha alfombra pola súa flexibilidade, permitindo crear carreiros temporais de acceso para peóns e persoas con mobilidade reducida (cadeiras de rodas, muletas, carriños de bebés, bicicletas, etc) en superficies difíciles. Esta semana quedarán dispostas dúas en Panxón, catro en Praia América-Lourido e dúas en Patos. As mesmas foron adquiridas á empresa gaditana Novaf Andalucía, están 100% fabricadas de poliéster reciclado e resultan lixeiras e resistentes pese a súa estrutura flexible e permeable e non teñen cravos ou achas, para maior seguridade dos usuarios.

“Durante a celebración este ano do campionato mundial e nacional de surf adaptado en Patos os propios deportistas e clubs nos recomendaron este sistema como verdadeiro garante da accesibilidade, xa que as táboas ao final se levantan ou rompen facilmente, polo que non son recomendadas actualmente”, explica o alcalde, Juan González, quen destaca tamén a facilitade do seu almacenaxe (enrolada) e colocación. Entre os beneficios destas pasarelas están tamén que son antideslizantes e con baixa condutividade térmica, polo que resulta agradable e seguro camiñar sobre elas en calquera situación meteorolóxica.