Vive Nigrán ofrece un bautismo de surf, paseos en kaiak e pádel surf e un roteiro por Monteferro

Dende o seu nacemento, o festival Vive Nigrán é moito máis que música e busca a integración coa contorna e o patrimonio. E por iso, nesta sexta edición volven as actividades complementarias con propostas para todos os públicos a través das accións de Vive Sostenible, Vive Patrimonio, Vive Igualdad e Vive Activo.

O programa de actividades inclúe un roteiro guiado por Monteferro programado para o vindeiro mércores 6 de xullo, dentro de Vive Patrimonio, organizado en colaboración co Concello de Nigrán. As prazas son limitadas e as persoas interesadas poden inscribirse a través do correo electrónico comunicacion@vivenigran.com achegando a entrada ou o abono para esta edición de Vive Nigrán e deben ser seguidores de @vivenigran en Instagram.

O sábado 16 de xullo o mar será o protagonista. Dentro da programación de Vive Activo están previstas un roteiro de kaiak e pádel surf (pola mañá e gratuíta) en colaboración co Club Marítimo de Panxón, no peirao de Panxón. E un bautismo de surf (sábado pola tarde) en colaboración con La Conservera del Surf, na praia de Patos (cun custo de 5€ por persoa cada unha e idade mínima 5 anos). As prazas para estas actividades son limitadas (10 prazas para kaiak e pádel surf e 25 prazas para o bautismo de surf) e a inscrición realízase a través do correo electrónico comunicacion@vivenigran.com para quen dispoña de entradas ou abono para o festival e sexan seguidoras de @vivenigran en Instagram.

Estas actividades complementarias do festival realízanse coa colaboración da Deputación de Pontevedra, dentro do programa Rías Baixas Fest. Nos próximos días anunciaranse máis actividades para todas as idades, paralelas á celebración do festival.

Rigoberta Bandini, Iván Ferreiro e La Bien Querida encabezan o cartel desta sexta edición que se completa cos concertos de Niña Polaca, Colectivo Da Silva, Grande Amore, o concerto Vibra Mahou de Cariño e as sesións DJ de Cool Nenas e Eme DJ. Á programación desta edición súmase unha xornada extra, Vive Nigrán co concerto de Miguel Ríos & The Black Betty Trio, na que será unha cita imperdible cunha lenda viva da música española.

O festival volve a unha contorna privilexiada xunto a Praia América, coa colaboración do Concello de Nigrán. Os abonos e as entradas para venres e sábado e tamén para a xornada extra Vive Nigrán [+] do domingo están á venda en http://www.vivenigran.com e http://www.ataquilla.com.

O festival conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra, a través da súa marca Rías Baixas Fest e da Xunta de Galicia, a través de FEST Galicia, e en 2022 volve ter unha vez máis o apoio de Gadis e Vibra Mahou, a plataforma musical de Mahou Cinco Estrellas que xera encontros ao redor da música en directo.