Baiona conta desde hoxe cun novo roteiro turístico para os máis pequenos

O grupo artístico Solaina presentou o seu novo traballo “Un paseo por Baiona” cunha sorpresa para o Concello de Baiona. Tratouse dun novo roteiro turístico pola costa da localidade, por onde transcorren os personaxes do conto. O roteiro divídese en oito etapas con tres delas para facer en coche, desde a Serra da Groba, pasando pola Virxe da Rocha, Praia dos Botiños, Praia da Concheira… percorridos que os personaxes deste conto guía van realizando polo municipio.

O libro realiza un percorrido por Baiona, cun enfoque ambiental para deixar patente a importancia dos garranos e para dar a coñecer o municipio, a súa historia, da man dunha preciosa amizade entre un garrano, un carballo e un boi. Solaina é un grupo de fusión de arte composta pola escritora e poeta Soledad García, a ilustradora Laine Villero e a deseñadora gráfica Natalia Guisande. A través do seu proxecto “Garatuxas do Val Miñor” crean proxectos moi novidosos na nosa comarca.