Gondomar renumera e sinaliza todas as vivendas e inmobles do municipio

Tras meses de arduo traballo, Gondomar xa ten todos os seus inmobles numerados. Nunha primeira fase, realizouse un traballo de campo consistente na identificación de todas as vivendas e inmobles existentes no municipio. Posteriormente os planos utilizados para a súa identificación foron dixitalizados, o que permitirá a través dunha aplicación, que estará dispoñible na páxina web do Concello, a súa localización xeográfica de forma instantánea.

Isto permitirá ás distintas administracións e os servizos de notificacións ou correos, así como a empresas de reparto de paquetería ou de calquera outro servizo, a localización de calquera vivenda.

Nesta seguinte fase, que se iniciou hoxe mesmo coa colocación da placa identificativa na Casa Consistorial, se colocarán máis de 6000 destas placas, confeccionadas en material resistente, en tamaño de 15×15 cm. e cun deseño moderno, uniforme e moi visible, cun fondo de cor vermello escuro e con letras en branco.

Este próximo luns comezarán os traballos de instalación na parroquia de Borreiros, que seguirán de forma ininterrompida ata a sinalización de todos os inmobles en todas as parroquias de Gondomar.

Paco Ferreira subliñou que “isto é froito de moitos meses de traballo, de centos e centos de visitas sobre o terreo, para paliar un problema histórico que padece Gondomar, xa que en moitos lugares non existe a sinalización das vivendas, é errónea ou leva a confusión, o que fai que moitos servizos de notificación ou reparto teñan graves problemas para a localización dos inmobles”.