Últimos días para inscribirse no campamento urbano de verán gratuíto que ofrece Baiona

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Actividades dos campamentos na Praza do Concello.

A Concellería de Cultura do Concello de Baiona pecha este xoves 23 de xuño o prazo para inscribirse no campamento urbano que se celebrará no mes de agosto. A actividade é gratuíta e está destinada a menores de 5 a 12 anos. O obxectivo é ofrecer a posibilidade de que os nenos e nenas empreguen o seu tempo libre estival participando en actividades de forma organizada e planificada, a través de actividades de calidade, promovendo a corresponsabilidade, a cooperación, a educación en valores, coñecendo os espazos públicos municipais, e fomentando a convivencia entre as persoas máis pequenas. Para a celebración das actividades establécense dúas quendas no mes de agosto: do 1 ao 12 de agosto e do 16 ao 31 de agosto. Os horarios serán de luns a venres de 10:30 a 13:30 horas e haberá 30 prazas por quenda.

Durante o campamento desenvolverase un programa de actividades de lecer e tempo libre previamente programado. Haberá distintas clases de xogos: de presentación, de cooperación, de integración… visitas a distintos monumentos, museos, prazas e praias da vila. Entre as actividades están programadas as visitas á Carabela Pinta, á Casa da Navegación, á Virxe da Rocha, ao Parador de Turismo Conde de Gondomar, á Estatua de Martín Alonso Pinzón, ao monumento “Encontro entre dous Mundos”, ao porto… Tamén se realizará un tramo do Camiño Portugués pola Costa, unha recollida de residuos na praia e unha festa temática cada fin de quenda, etc. A recepción dos participantes sempre terá lugar na Praza do Concello.

Os participantes deben ter entre 5 e 12 anos e unicamente optará a unha quenda, excepto no caso de que queden prazas. A solicitude pode ser individual ou múltiple (no caso de irmáns ou irmás). As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Baiona ou na Sede electrónica (baiona.sedelectronica.gal), xunto coa copia do DNI ou libro de familia e a copia da tarxeta sanitaria do menor, do 3 ao 23 de xuño de 2022. Para a presentación presencial de solicitudes no Rexistro Xeral do Concello é necesario solicitar cita previa chamando ao teléfono 986356779. No caso de solicitudes presentadas pola Sede electrónica, estas poderán presentarse en calquera hora ou día durante a vixencia do prazo de solicitudes.

Os formularios de solicitude poden descargarse da sección taboleiro de anuncios da páxina web municipal (www.baiona.gal) e na propia web na sección de “novas” ou ser solicitados en formato papel na oficina de Rexistro con cita previa, ou no correo xuventude@baiona.gal. A adxudicación de prazas será directa no caso de que o número de solicitudes presentadas non supere ao número de prazas ofertadas. No caso de que o número de solicitudes presentadas supere ao número de prazas ofertadas, realizarase mediante un sorteo público, que terá lugar o 30 de xuño de 2022 e con anterioridade ao sorteo, publicarase a lista de admitidos ou excluídos na web do concello (www.baiona.gal).

Os nenos e nenas que non dispoñan de praza, pasarán a formar parte da lista de espera, coa finalidade de cubrir as baixas que se poidan producir. Máis información na Concellería de Cultura, ou no teléfono 986385921, ou en xuventude@baiona.org.