Gondomar Acro Club: campioas de España e un bronce que sabe a ouro

O pasado xoves e venres celebrouse en Sevilla o Campionato Nacional Base de Ximnasia Acrobática. O Gondomar Acro Club, que participaba con catorce ximnastas repartidas en cinco equipos, tres tríos infantís base, un trío júnior base e unha parella feminina alevín base, obtivo dúas medallas: unha medalla de bronce para Lía Hermida, Naiara Araujo e Vera Fernández e ouro para Claudia Comesaña e Sira Cedeira, con tan só 10 e 7 anos.

“Estou tan feliz que non quero espertar deste soño. Viñamos a este campionato para gozar da experiencia e aprender, sabendo que subir ao podio ía ser moi difícil xa que había moitísima participación nas categorías polas que competiamos con 22 equipos categoría alevín base, 26 equipos infantil base e 14 en júnior base”, sinala Cristina Castro.

“Tivemos un comezo de campionato brillante xa que nosas peques do club proclamábanse campioas de España. Nos anteriores campionatos quedaban sempre ás portas de subir ao podio pero esta vez, a pesar de estar moi rifado, conseguiron nin máis nin menos que subir ao máis alto. Este ouro foi moi emotivo e importante xa que é o primeiro podio nun campionato nacional”, engade a directora do club gondomareño.

“As expectativas máis altas tíñaas na categoría infantil base, xa que ao levar 3 equipos era onde tiñamos a posibilidade de optar a clasificarnos por club pero un tropezo e pequenos fallos na execución dos exercicios deixounos en 7ª posición, dun total de 21, que está fenomenal”, continúa Cristina.

“O broche de ouro da competición tivémolo coa categoría júnior base. Simplemente desexaba que gozasen e fixesen un exercicio sen fallos xa que unha das compoñentes déixanos para empezar a súa etapa universitaria. O obxectivo cumprírono e os nosos rostros enchéronse de bágoas de alegría ao saír do tapiz. Os nervios ían en aumento ao ver pasar ao resto de equipos xa que estabamos en posición de podio e todo podía pasar e… pasou, conseguiron o bronce. Un bronce que sabe a ouro”, destaca a directora do Gondomar Acro Club.

“Estou tan orgullosa de todas e cada unha delas que síntome moi afortunada do grupo que estamos a formar. Teño que agradecer ás familias o apoio desde a distancia e o recibimento que nos fixeron. Á profesora de danza, Marta Pérez, que é a que nos axuda a brillar no tapiz e, por suposto, ao Concello de Gondomar polo seu apoio no día a día para que podamos seguir soñando”, finaliza Cristina Castro.

Resultados:

Categoría alevín base:

  • Parella feminina: Claudia Comesaña e Sira Cedeira, medalla de Ouro.

Categoría infantil base:

  • Trío feminino: Evelyn Lorenzo, Clara Quintas e Carla Albores, 21ª posición.
  • Trío feminino: Helena Veiga, Aroa Araujo e Candela Alonso, 12ª posición.
  • Trío feminino: Inés Román, Nerea Gallego e Lara Cabral, 23ª posición.

Categoría júnior base:

  • Trío feminino: Lía Hermida, Naiara Araujo e Vera Fernández, medalla de bronce.