En honra aos 25 anos de servizo altruísta prestado na comarca por Protección Civil Val Miñor, e coa intención de compartir a súa celebración coas veciñas e veciños de Baiona, Gondomar e Nigrán, o sábado 18 de xuño ás 11:00 da mañá en Praia América levarase a cabo un simulacro de rescate en colaboración cos diferentes grupos de emerxencias que prestan servizo conxunto na comarca.
Co obxectivo de ofrecer ao público asistente unha mellor e maior visualización dos exercicios, destinarase parte da bolsa de estacionamento situada nas inmediacións do campo de fútbol de Lourido.
Finalizados os exercicios, tanto o helicóptero de rescate “Pesca 1” como o sistema de ambulancias, camións de bombeiros, patrullas policiais, etc… permanecerán no campo de fútbol de Lourido para que tanto pequenos como adultos poidan coñecer de preto o helicóptero de rescate de Gardacostas de Galicia así como os diferentes medios que se utilizan nas operacións relacionadas coas emerxencias.
Ademais, Protección Civil Val Miñor realizará obradoiros de Primeiros Auxilios para os espectadores do evento que desexen asistir.
Todos os exercicios serán narrados en directo para un maior involucramento co público.

