
Unha trintena de barcos dispútanse este sábado nas Rías Baixas o Campionato Galego de A Dous, que coroará ás mellores tripulacións en formato reducido de Galicia. O Monte Real Club de Yates e o Real Club Náutico de Vigo son os clubs cun maior número de aspirantes ao título autonómico, ao que tamén optan equipos de Bouzas, Portosín, Canido, Punta Lagoa e Sada.
Todos os candidatos á vitoria, en embarcacións tripuladas por dous regatistas, enfrontaranse a un percorrido de máis de 35 millas de ida e volta entre Baiona e a illa de Ons, que empezará ás once da mañá e finalizará ben entrada a tarde, cunha previsión de ventos de compoñente norte que se moverán entre os 7 e os 14 nós.
A competición, patrocinada por MRW, dividirase en dúas clases diferentes: ORC, que clasificará tras aplicar unha compensación de tempos; e J80, que competirá en tempo real. E dentro de cada unha delas estableceranse varias categorías.
En ORC haberá, ademais da xeral, unha categoría mixta, na que se medirán os equipos formados por Carolina Martínez e Miguel Ángel Fernández (CN Sada), Elena Raga e Miguel Sterner (MRCYB), Jacobo Vecino e Brenda Maure (RCN Vigo), e José Luis Ríos e María Jesús Montes (RCN Vigo).
Na xeral desta clase entrarán en liza case 20 equipos, entre os que se atopan, entre outros, as tripulacións formadas por Jean Claude Sarrade e André Amorín, que conseguisen o título de campións galegos en 2017; ou a do vicepresidente e director deportivo do Monte Real, Alejandro Retolaza e Roy Alonso, que xa participaron en anos anteriores con bos resultados.
En J80 non haberá categoría mixta pero si feminina, con catro tripulacións optando ao título de Campioas Galegas de A Dous. Son os equipos de Marta Ramada e Ana Sardiña, África Alonso e Carolina Terrón, Hilda Martín e Dunia Reino, e Rebeca González e Helena Benito. Aínda que formadas por regatistas de diferentes clubs, todas correrán polo Monte Real Club de Yates.
Na xeral desta clase entrará en xogo gran parte da frota de oito metros do Monte Real, que segue preparándose para o Campionato de España da clase que o club celebrará en setembro; e para o Mundial do 2023, que tamén se celebrará en Baiona. Estarán, entre outros, o Cansino de Fernando Yáñez e Manuel Fernández; o Namasté de Luis de Mira e Susana Baena; ou o Spaco de Javier Martínez Valente e Alberto Diz.
O Campionato Galego de A Dous, organizado polo Monte Real por delegación da Real Federación Galega de Vela, enmárcase no Trofeo MRW e será, ademais, a oitava edición do Memorial Rafael Olmedo, co que o Monte Real homenaxea ao que fora o seu presidente durante máis de 40 anos. A competición (que empezará ás once da mañá coa regata e finalizará ás oito da tarde coa entrega de premios) poderase seguir en directo a través da web do Monte Real (www.mrcyb.es) grazas a un sistema de realidade virtual.