Teatro do Ar, compañía que dirixe a Escola Municipal de Teatro do Concello de Nigrán, ofrece este sábado ás 19:00 horas no Auditorio unha gala aberta para mostrar o traballo que levan realizando desde decembro co alumnado. Durante a mesma haberá unha mostra de exercicios, as máis peques presentarán unha obra, e os actores e actrices compartirán varias pezas de microteatro. Ás 17:30 horas tamén dispoñerán dunha aula aberta de teatro para todas as persoas que queiran probar.
O teatro leva sendo un habitual nas programacións culturais de Nigrán dos últimos anos e o Concello tomou boa nota da súa gran acollida, por iso este ano lanzou xunto ao grupo local, Teatro do Ar, esta nova escola cultural que se suma a música, pintura ou cerámica.
Teatro do Ar
Teatro do Ar vén de recibir o Premio Nigrán ao Mérito Cultural 2022. O soño dun grupo de mozos e mozas de Nigrán que, cando remataron a Educación Secundaria no CPI Arquitecto Palacios, decidiron crear unha compañía teatral onde expresarse libremente.
Este ano cumpren 10 anos traballando pola cultura en Nigrán e cun futuro moi ilusionante. Ata o de agora xa levan case unha vintena de obras presentadas. Ademais, crearon este curso xunto ao Concello de Nigrán a primeira escola de teatro municipal. Acumulan varios recoñecementos destacados: finalistas dos premios Xuventude Crea 2020 e mención destacada nos Buero Vallejo de Teatro Joven 2021 que organiza Coca Cola.
“Apostamos por un teatro propio para trasladar á toda a xente que nos ve a nosa forma de entender esta arte e o mundo que nos rodea”, explica o seu director e dramaturgo, Pedro Rodríguez. Traballan todos os xéneros e agora, ademais de preparar dúas obras novas para presentar durante este ano, están a organizar un forte programa de teatro social para facer a arte accesible.

