Un man a man a vela entre Baiona e as Ons co Trofeo MRW

Un man a man a vela polas Rías Baixas. Iso será o Campionato Galego de A Dous que se celebra o vindeiro sábado baixo a organización do Monte Real Club de Yates e co patrocinio de MRW.

A Real Federación Galega de Vela delegou, un ano máis -e xa van once- no club baionés a organización dunha das probas máis emocionantes da vela en Galicia, non tanto polo seu percorrido, que tamén, senón polas características da competición, na que irán a bordo dos veleiros soamente dúas persoas.

Un patrón e un único tripulante que deberán ocuparse tanto da táctica como das manobras da embarcación ao longo das máis de 35 millas náuticas que supón completar o percorrido entre Baiona e a illa de Ons, que os veleiros deberán alcanzar antes de regresar de novo a Baiona.

Na súa navegación pasarán polas balizas de Carallones, La Negra e seguirán subindo deixando ao carón o arquipélago das illas Cíes e a illa de Onza antes de alcanzar o faro de Camouco, ao nordés da illa de Ons, fronte a Cova do Lobo. Unha vez alí e tras virar o faro, emprenderán a baixada a Baiona, onde lles estará esperando a liña de chegada.

A falta duns días para que se peche o prazo de inscrición xa hai máis de vinte barcos rexistrados para participar no campionato e desde a organización esperan alcanzar a trintena. Agruparanse en dúas clases: cruceiro e J80; e en ambas haberá -se se alcanza un mínimo de inscricións- tres categorías: xeneral, mixta e feminina.

Na clase cruceiro veremos a xente como Javier Pérez e Esteban Gañete a bordo do Orión; Javier Rey e Jorge Justo no Secolite; Jacobo Vecino e Brenda Maure tripulando o Salaño Dos; Vicente Cid e Javier Fernández-Ahuja no Deep Blue 2.1; ou Agustín Marquina e Fernando Rey no Erizana, entre outros.

Competirán en tempos compensados marcando a diferenza cos J80, a outra clase en liza, que o fará en tempo real. A bordo dos 8 metros estarán algúns dos regatistas habituais das ligas de monotipos do Monte Real, como a parella formada Luis de Mira e Susana Baena, do propio club; Juan Martínez Pazó e José Ignacio Correa, do Liceo Marítimo de Bouzas ; ou Rafael Blanco e Alejandro Vázquez, do Real Club Náutico de Portosín.

Ademais dos premios do Trofeo MRW e o Campionato Galego de A Dous, a competición entregará dous trofeos especiais, os relativos ao Memorial Rafael Olmedo, co que o Monte Real Club de Yates homenaxea ao que foi o seu presidente durante máis de 40 anos. Levaranllos os mellores clasificados en cruceiro e J80.

A competición, que se poderá seguir en directo a través da web do Monte Real (www.mrcyb.es) grazas a un sistema de realidade virtual, dará comezo o sábado ás once da mañá. Previamente, a xornada do venres destinarase a medicións, controis de seguridade e reunión de patróns. E a entrega de premios terá lugar ás oito da tarde do sábado nos xardíns do club baionés.

Algúns dos que xa confirmaron a súa asistencia á entrega de trofeos son o presidente do Monte Real Club de Yates, José Luis Álvarez; o director executivo de MRW Vigo e patrocinador da competición, Santos Almeida; o alcalde de Baiona, Carlos Gómez; e o deputado de Deportes da Deputación de Pontevedra, Gorka Gómez. Está previsto tamén que asista algún representante da Xunta de Galicia, aínda por confirmar.