
O alumnado de 6ºA e 6ºB de Educación Primaria do CPI de Cova Terreña organiza a IV Xornada Poética, “Cando leo… soño versos”. Despois de varios cursos sen poder celebrala, por fin van poder desfrutar cos compañeiros/as e as súas familias e amigos dunha xornada na que intentarán amosar os resultados dun bo traballo en equipo. Neste último trimestre, os 40 alumnos e alumnas de sexto de primaria, elaboraron carteis, deseñaron invitacións, escribiron cartas e correos e, por suposto, leron e crearon poemas.
Nesta ocasión van contar coa presenza de dúas mulleres de relevancia na literatura infantil e xuvenil: a escritora Eva Mejuto e a ilustradora Bea Gregores, autoras ambas do libro que se vai presentar no evento, a obra “Cando leo”. Este libro é unha emotiva homenaxe á lectura e ao seu poder para transformar o mundo. Non é a primeira vez que Eva Mejuto e Bea Gregores traballan xuntas nun proxecto. Este alumnado xa desfrutou o curso pasado co álbum testemuño “As lavandeiras de San Simón”, onde a palabra e a imaxe se complementan á perfección para achegar o pasado histórico aos nenos e nenas destas idades.
Ao remate da Xornada Poética, que se celebrará o martes 14 de xuño ás 11:30 horas nos Xardíns da Casa da Navegación de Baiona, as autoras asinarán exemplares.