Gondomar organiza o seu primeiro certame de música coral na rúa

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Coral Vocal de Donas.

O Concello de Gondomar celebra a primeira edición do seu Certame Coral. Para esta ocasión as tres corais da localidade uníronse para ofrecer o mellor do seu repertorio nun concerto que terá lugar o sábado día 11 de xuño ás 19:30 horas. A novidade deste certame é que se celebrará por primeira vez ao aire libre, na Praza da Paradela.

Grazas á colaboración de ACOPOVI, nesta primeira edición, este encontro coral contará tamén coa participación da coral polifónica Allegro de Vigo.

Na presentación deste certame o alcalde aproveitou para “convidar a todo o pobo de Gondomar a acudir á Praza da Paradela a disfrutar dunha tarde coa mellor música coral”. Así mesmo o rexedor destacou a importancia das agrupacións corais para a socialización de homes e mulleres, “que tanto nos ensaios como nos concertos teñen unha inmellorable oportunidade para compartir momentos de lecer cos seus veciños e veciñas, e no caso das persoas de idade avanzada, a música coral é unha excelente terapia contra a soidade, e unha estupenda maneira de manter a mente desperta”.

O rexedor quixo agradecer “a boa predisposición das corais e dos Centros Culturais aos que pertenecen a participar neste certame que aspira a crecer e consolidarse nos próximos anos como un referente da música coral en Galicia”.